Do autor de «O mundo de Sofía», chega agora...

O nome de Jostein Gaarder (Oslo, 1952) queda, e quedará, indisociablemente asociado a un libro fundamental como foi O mundo de Sofía (1991)

.

Era unha proposta narrativa que, se cadra, adquire nestes tempos novos ángulos de interese cando a filosofía corre a seria ameaza de desaparecer. Dun ou doutro xeito, Gaarder retorna así ao primeiro plano da actualidade literaria no ámbito das traducións para o galego con A Terra de Anna, subtitulada cun epígrafe que di unha novela sobre o cambio climático.

E, en efecto, así é: a incorporación do termo Terra en maiúscula no título non é gratuíta pois, na realidade, alude á gran protagonista destas páxinas que poñen enriba da mesa, ficcionalmente, un dos grandes temas do noso tempo como é o do desafío medioambiental, abordando como é lóxico asuntos como a deforestación, a emisión de gases contaminantes ou o quecemento global, entre outros. Gaarder adopta un rexistro narrativo que se adapta como unha luva a unha ampla franxa de público, idea unha arquitectura solvente para a súa proposta e reviste ao argumento dunha dinámica áxil, que desata o misterio depositado nun anel enigmático.

Con todo, resulta imposible non comparar esta Anna, nome simbólico por certo, co da Sofía do primeiro libro de Gaarder e, abofé, ambas as dúas están enchoupadas dun idealismo necesario. No caso de Anna este adopta novas dimensións tras unha vivencia onírica onde se ve, anos máis adiante, cunha bisneta nun planeta que pouco que ver co de hoxe.

Velaí como, alén da explícita vontade didascálica, a idea narrativa presente en A Terra de Anna tripa os camiños da sinxeleza e penso que o fai á mantenta pois deste xeito proxecta con efectividade un asunto ao que non debemos dar as costas e formula, por extensión, moitas preguntas: entre elas aquilo que cómpre facer para pórlle freo ás tendencias destrutivas que, nun tempo moi próximo, farán mudar case todo.

AUTOR

JOSTEIN GAARDER

EDITORIAL

FACTORÍA K

160 PAX. 14 EUROS

Votación
1 votos
Comentarios

Do autor de «O mundo de Sofía», chega agora...