Aventuras esotéricas en Roma

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

O policía Doroteo acuña dá o salto da novela xuvenil á adulta

29 sep 2017 . Actualizado a las 05:45 h.

Pode un policía dar o salto da novela xuvenil á narrativa para adultos? Velaí temos o caso de Doroteo Acuña. Coñecímolo a finais dos oitenta en A malvada María Xosé, entre rapaces de instituto e espionaxes informáticas, e reaparece agora en Demos de verán, unha parodia das intrigas esotéricas que asaltan a cada pouco as listas de libros máis vendidos. Desta volta, Acuña está xubilado e recibe unhas cartas que lle manda dende Roma o seu amigo Francisco Bouzón, un avezado xornalista co que tempo atrás investigara un misterioso suceso acontecido nunha vila mariñeira. E das escuridades dese episodio, sepultado na longa noite do franquismo, Vázquez Freire lévao de viaxe á Roma recente para metelo nun enguedello relixioso en compañía dunha monxa. Así que non é salto calquera para este inspector coruñés que le o xornal na cafetería do hotel Riazor. O argumento en que se ve implicado toma como libre fonte de inspiración o caso Edelweiss, unha seita que baixo a aparencia dun grupo de montaña agochou durante anos abusos sexuais a menores. Pero non hai razóns para que pensemos nunha intriga derramada polo detalle escabroso. Todo o contrario. A historia avanza cun pé metido no thriller relixioso e outro na comedia lixeira con abondosas tinturas didácticas. Quizais non podía ser doutro xeito, sabendo de onde provén o protagonista. Acuña nunca se considerou un policía exemplar, pero imítase unha miga a Maigret. Que volva facendo parella coa monxa Constanza.