Philo Vance, o detective dandi

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

10 mar 2017 . Actualizado a las 05:35 h.

Leva razón Luis Alberto de Cuenca no limiar de El caso del asesinato de Benson. Son poucos os que lembran as andanzas do emperiquitado Philo Vance, ese dandi exquisito ao que o norteamericano S.S. Van Dine deu vida entre 1926 e 1939. A serie consolidouse como un fenómeno literario sen precedentes -seica bateu todos os récords da edición moderna da narrativa detectivesca-, pero o resabido Vance foi caendo no esquecemento a medida que o xénero procuraba outra caste de heroes máis próximos ao noir modelado no Hollywood dos anos corenta. Baixo o pseudónimo Van Dine agochábase o xornalista e crítico de arte Willard Huntington Wright (1888-1939), que ata daquela publicara un estudo sobre Nietzsche e unha novela de escaso percorrido comercial, The man of promise (1916). Obrigado a superar a súa grave adicción á cocaína, Wright-Van Dine pasou unha longa tempada baixo supervisión médica e afeccionouse ao xénero con tanto entusiasmo que non volveu escribir outro tipo de literatura. El caso del asesinato de Benson, editada orixinalmente en 1926, é a primeira aparición de Philo Vance, sempre disposto a resolver os casos que se lle atravesan á policía. Nesta ocasión debe investigar o asasinato de Alvin Benson, axente de bolsa en Wall Street. O máis suxestivo atopámolo nas súas reflexións sobre a natureza criminal e nese alarde de intelixencia, en ocasións irritante, que o segue situando entre os grandes sabuxos da idade de ouro detectivesca.