Clarence Cooper Jr. (1934-1978) é un deses tesouros ocultos da narrativa norteamericana do século XX. Editor para The Chicago Messenger, escribiu rápido e con furia, pero a súa prometedora carreira literaria caeu polo mesmo precipicio que unha vida persoal marcada pola adición á heroína. A morte levouno demasiado novo. Non tivo a fortuna de Chester Himes: nin marchou vivir a París fuxindo do racismo contra os negros nin se lle cruzou pola camiño un Marcel Duhamel que percibise o seu talento.
A trama de La escena (1960), a única das súas seis novelas que coñeceu certo éxito entre os lectores, xira ao redor dun ionqui chamado Rudy Black e dous policías -Patterson e Davis- dispostos a limpar de pequenos traficantes un arrabalde degradado pola omnipresencia das drogas.
O punto de partida fainos pensar que estamos ante unha narración de traza policial, pero aínda que se nos ofrece un itinerario que se axeita aos hábitos do xénero, o argumento esvaece en favor dunha atinada prospección nos infernos derivados do consumo de heroína.
Pola novela desfilan unha importante cantidade de chulos, putas e traficantes que Cooper debuxa cun formidable naturalismo. Non hai aquí nin o sarcasmo do Himes de Por amor a Imabelle nin estilización «blaxpoitation» para consumo rápido; aínda estaba comezando a década dos sesenta. En La escena todo é miseria e devastación.
As páxinas que describen a síndrome de abstinencia dos protagonistas son estarrecedoras.
AUTOR
CLARENCE COOPER J.R.
EDITORIAL
SAJALÍN
TRADUCIÓN
GUIDO SENDER
396 PÁGINAS
22, 50 EUROS