Zara en 48 linguas

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

Non se trata dos operarios que traballan no universo téxtil en decenas e decenas de fábricas esparexidas polo mundo enteiro; trátase de algo que pertence de cheo a un eido máis espiritual: dun poema de oito versos escrito en 1880 por un dos grandes poetas europeos do século XIX, por Antero de Quental (1842-1891). Cando en 1880 morre Zara Margarida, con quince anos e medio, o seu irmán, Joaquim de Araujo, consternado, pídelle ao seu amigo Antero, xa un poeta consagrado, un poema para o epitafio da infortunada mociña. A elexíaca composición, de dúas estrofas, finaliza: «Era-te a vida um sonho: indefinido / e tenue, mas suave e transparente. / Acordaste... sorriste... e vagamente / continuaste o sonho interrompido».

Tres anos despois da morte do Antero, Araujo, o atribulado irmán de Zara, fai unha edición do poemiña, do epitafio, nun volume que é un dos títulos máis nobres e ricos da bibliografía portuguesa. En efecto, en 1894, a Imprensa Nacional de Lisboa publica unha fermosa «edição polyglotta» de Zara en corenta e oito idiomas, daquela e hoxe un volume para os amantes da poesía, para os eruditos, para os tradutólogos e para os filólogos interesados na Lingüística comparada. Á beira de traducións ao latín, francés, inglés, italiano, alemán, árabe, ruso?, hai traducións a linguas non oficiais (catalán, asturiano, mirandés, provenzal, bretón, euskera?) e tamén a nove «dialectos» de Italia (siciliano, calabrés, napolitano, veronés?). Da tradución galega responsabilizouse Curros Enríquez, a quen Antero admiraba como poeta; tamén o admiraba como tradutor (ao castelán) dos seus sonetos, que o noso poeta deu a coñecer, en España, nalgunhas revistas madrileñas.

O Parlamento de Galicia acaba de facer unha moi coidada edición facsimilar do volume de 1894, e foi en Horta (Faial, Açores) onde o Presidente, don Miguel Santalices, entregou un exemplar á Presidenta da Assembleia Legislativa do Arquipélago, dona Ana Luísa Pereira Luís; tamén lle entregou un exemplar do volume Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas Letras Galegas, escrito por min (a primeira parte) e pola profesora Beatriz García Turnes (a segunda). A Presidenta dos Açores gabou as dúas publicacións que, segundo ela, descubrirán a moitos a relación de importantes escritores galegos con dúas grandes personalidades literarias de Ponta Delgada, capital dos Açores.