En todos os barrios e en todas as infancias do mundo houbo un Bud Spencer que vivía dous portais máis abaixo da túa casa. Era ese mangallón cuxa presenza intimidatoria resultaba imprescindible cando as cousas se torcían. Acababas de meterlle un gol pola escuadra a unha persiana e algún desaprehensivo do equipo contrario reclamaba falta previa. Daquela cumpría chamar a Bud cando se esgotaban os argumentos en favor do fútbol total. Sabías que con aquel tipo entrando en acción morría o conto. Se alguén quería seguir porfiando e ameazaba con palabras maiores, alí estaba o repoludo Bud para pararlle os pés antes de que se precipitasen os acontecementos. O valedor das minorías musgaba os ollos como un serial killer miope, estralaba os dedos das mans, torcía o fociño e erguía o brazo no aire proxectando un puñazo vertical sobre as cabezas atravesadas. Así impartían xustiza arbitral os amigos que querían ser como Bud Spencer, sen facer sangue pero poñendo firme a quen rompía a baralla, e así continuaba o fútbol nos barrios. O día que faleceu o actor italiano, mito da gargallada limpa e do lapote a eito, circularon centos de mensaxes de xente lamentando esa clase de noticias que lle desintegran os últimos restos de infancia a calquera. A morte derrubara aquel forzudo extraordinario que facía colisionar as cabezas dos malos e despois devoraba unha montaña de espaguetes co apetito dun tigre. Sempre lembraremos o amigo Bud porque sabías que nunca che pasaría nada malo mentres existisen tipos dispostos a solucionar os problemas á brava, agrestes e inocentes superheroes -suorentos, grosos, larpeiros- que marcaban territorio con losqueadas descomunais que soaban bastante máis do que doían. Sempre o lembraremos porque o mellor dunha excursión escolar acontecía no autobús cando puñan Banana Joe ou Dous superpolicías, e porque os sábados pola tarde adquirían unha textura triunfal, de felicidade extrema, se botaban por televisión Chamábanlle Trindade. Todos quixemos ser algunha vez como Bud Spencer. Que pracer parar un partido de fútbol e estampar puñazos verticais sabendo que todo era mentira.