Pensas nunha imaxe do polar francés e de inmediato acodes á estampa de Alain Delon con sombreiro e gabardina en Le samouraï (1967), obra culminante de Jean-Pierre Melville. Aí está o killer Jeff Costello pervertendo nun só segundo a épica do noir norteamericano, impugnando a gargallada convulsa de James Cagney e os arroutos cólericos de Edward G. Robinson, inclinando o chapeu con dedos de seda e lanzando proxectís de xeo polos ollos, mirada perdida nas sombras, todo actitude e elegancia. Pensas en Alain Delon ás ordes de Melville e só podes imaxinar ese guerreiro estético e desorientado que asume a fatalidade dun destino que presentes desprovisto de retóricas e grandes resplandores, sen énfases nin furia de gánsters á usanza de Chicago ou Atlantic City, un guapo atormentado pola penumbra que camiña polas rúas parisienses asomándose á morte con esa pulsión suicida da que se resgardaban os heroes do noir estadounidense. Pensas no agoniado Jeff Costello, máis disposto a un aseado haraquiri que a continuar coa súa ocupación criminosa, e segues convencido de que cando bota man do revólver e ergue os ollos en azul suplicio explica todo un xénero: a estética, a actitude, a sofisticación dos franceses xogando a policías e ladróns.
Hai moitos Delon noir de altura, dende o Tom Ripley que interpretou en A pleno sol (René Clément, 1960), a adaptación da novela de Patricia Highsmith, ata o atracador de bancos de Deux hommes dans la ville (José Giovanni, 1973), pasando polo marsellés Roch Siffredi de Borsalino (Jacques Deray, 1970) ou o durísimo comisario Edouard Coleman de Crónica negra (1972), testamento do Melville máis austero. Pero ningún deles alcanzou a estatura icónica dese Jeff Costello vencido e exhausto aínda que na súa expresión só poidas adiviñar o laconismo dunha queixada esculpida para manterse en silencio. Pensas nese killer taciturno e comprendes a fatiga de vivir e o seu desexo dunha morte quirúrxica e atilada, á altura da súa coreografía de samurai en ruínas. Só ese Delon sen expresar nada, puro underplay, puido ser o criminal máis martirizado do polar francés.