A Galicia de Valle-Inclán

FUGAS

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais foi Rafael Dieste un dos primeiros que, nun artigo de 1937, reivindicou sen complexos o contido galego da lingua de Valle-Inclán, morto en Santiago de Compostela a comezos do 1936. «Cada lingua contén o pasado da súa xente», escribiu Dieste, para engadir que «na ética gárdanse as normas da estética», é dicir, tamén das formulacións idiomáticas das cosmovisións. Así, se consideramos a «historicidade da palabra», non cabe discutir unha das súas certeiras conclusións: «As palabras eran historia pura para Valle-Inclán». E referíase, claro está, ás voces galegas do seu val do Salnés, que o foron enchendo de visións propias, enxebres, arcaicas, inocentes?

«Cando mires a túa imaxe, evoca a túa sombra de neno. O que sabe do pasado, sabe do porvir», aseguraba Dieste, seguro de que Valle incorporara o pasado polo seu saber dunha neneza vivida no «tempo dos antigos». Por iso dicía que «Valle-Inclán tiña mil anos» e que, cando escribía, impoñíase a memoria do ausente, para darlle a máxima presenza ás figuras da lembranza. Dieste non tiña dúbidas de que no Salnés repousaba «a imperturbable virxindade do saber primeiro» do autor das Comedias Bárbaras e os esperpentos.

 «¡Pero non escribía en galego!», insistían algúns paisanos expresando así unha obviedade. Porque Valle-Inclán, que tivo dificultades para españolizar a súa expresión, foi ao cabo un gran renovador do castelán. Isto non se discute. Pero se nos achegamos á súa obra, descubrimos o seu cerne galego. Nunha autocrítica que publicou en 1924, podemos ler: «Quixen renovar o que ten de galaica a lenda de Don Juan, que eu divido en tres tempos: impiedade, matonería e mulleres. Este das mulleres é o último, o sevillano, a nostalxia do mouro sen harén. O matón picaxoso é o estremeño, galo de fronteira. O impío é o galego, o orixinario». Mais a impiedade galega non nega ningún dogma, non descre, porque todo sucede nun país inocente e arcaico, primixenio.

Se ollamos Divinas Palabras, temos a medida dunha intemporalidade imposible de acoutar, pero que sabemos situar no noso pasado. Porque sabemos que está nesa liña que vén da orixe dos tempos e que se detén un intre para amosarnos a alma dun lugar que axiña recoñecemos como noso. Un pasado tamén internacional, como se demostrou nas múltiples postas en escena desta obra en todo o mundo.Vagalume