Ladróns sen licenza

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

Os historiadores da novela criminal adoitan dividirse entre os que citan a Poe como punto de partida do xénero e aqueles que procuran as fontes en paraxes máis remotas, retrocedendo ata a Biblia e as traxedias clásicas con paradas en Shakespeare ou Balzac antes de renderlle honras ao creador de Auguste Dupin. Ampliar as marxes dese xeito obriga a facer lecturas de obras cuxos atributos criminais son secundarios, pero axuda a comprender as intencións do xénero nunha dimensión transversal. A lóxica pide recoñecer a Poe como pai indiscutible do relato detectivesco e localizar ao mesmo tempo as raíces do noir en Edipo Rei ou no Libro de Daniel do Antigo Testamento. Para non caer en tentacións demasiado categóricas, sempre haberá que ter presente que o autor d?Os crimes da Rúa Morgue, a primeira narración que desenvolve un enigma de cuarto pechado, nunca tivo conciencia de estar inaugurando un xénero e que o fundamento dos seus relatos debe atoparse no conto de terror romántico. A paternidade criminal de Poe seguirá nos libros de historia, pero admitamos que non foi desexada.

Demasiado esquecida pola súa embalaxe libertaria, un deses grandes antecedentes da narrativa negra moderna é Aventuras de Caleb Williams (1794), a novela máis ambiciosa do pensador británico William Godwin (1756-1836). Se o relato detectivesco que viría máis tarde non se atreve a censurar os preceptos legais e castiga sempre o comportamento delituoso, a peculiaridade desta obra reside na súa aberta vindicación da desobediencia. En Aventuras de Caleb Williams, o anarquista Godwin retrata un asasinato e a persecución por parte dun criminal a quen descubriu a súa culpabilidade. A lectura do texto non deixa espazo para a ambigüidade: toda lei encarna inxustiza e abuso. Ese enxalzamento do heroe que transgride a legalidade emparenta o seu argumento co hard boiled norteamericano e a reprobación á suciedade do poder que inaugurou Hammett. Así fala un dos personaxes da novela, líder dunha banda de malandríns: «Nós, ladróns sen licenza, témoslle declarada a guerra a homes doutra caste: os ladróns legalizados».