Camilo de Dios

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cumpriu o 8 de abril 85 anos e, sete días despois, na Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica outorgoulle á guerrilla antifranquista galega, na persoa de Camilo de Dios, o título de Republicano de honra. Na propaganda do acto os organizadores puxeron o acento no feito de que a guerrilla eran «soldados da República», o que nos parece un acerto, un gran acerto.

Non sei de ninguén que teña a ollada tan limpa nin o corazón tan atento aos problemas dos seres humanos, por lonxe que estean do seu ideario comunista, no que Camilo milita desde mozote: corazón aberto e ollada limpa nun home que pasou moitos anos nos cárceres franquistas e que en 1949, mozo de dezaoito anos, resistiu, durante cincuenta e nove horas, torturas que avergonzaron aos mesmos sádicos torturadores.

Camilo de Dios, natural de Sandiás (Ourense), orfo de pai, ingresou na guerrilla con 17 anos, na que xa estaban a súa nai, Carmen Fernández Seguín, e o seu irmán Perfecto, algo maior ca el. Perfecto caeu o 16 de maio de 1950, na aldea de Chaherreros (Ávila), cando na compaña de súa nai e dous guerrilleiros mozos ían, ataviados de seitureiros, camiño de Madrid, para desde alí, vía Cataluña, pasaren a fronteira. Ferido de morte Perfecto, a nai tivo que optar entre seguir fuxindo (salvando a súa vida e unha peza da maquinaria da revolución) ou ter no seu colo materno ao guerrilleiro agonizante. Esta foi a opción, nunha estampa digna do Castelao de Galicia mártir. Pagouno con trece anos de prisión, na que xa estaba Camilo desde había un ano. Canto sufrimento, canta humillación paira sobre a existencia de Camilo de Dios que el nos devolve co seu limpo ollar, co seu humanista escoitar!

Xa excarcerado, cando o Partido decretou o «Non pagar» (a cota da seguridade social agraria), arredor de 1970, Camilo, que seguía na loita clandestina, experimenta, de novo, a tortura, na compaña de novos militantes (o perito Carlos Barros, o doutor Manuel Peña Rey...). Pero Camilo segue coa súa ollada limpa e amiga. Sempre foi así. Con 17 anos, ferido no monte nun xeonllo, refuxiouse nunha casa non hostil dunha aldea e alí, na man dunha mociña, que non sabía que tiña dotes de poeta, abrollaron 26 versos nos que a sorprendida escritora expresaba a súa adhesión espiritual a aquel Ernesto Che Guevara de ademáns tan repectuosos, a aquel Quixote do século XX que falaba en galego da comarca da Limia.