Modesto Trigo

FUGAS

04 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

pintor galego Modesto Trigo asomou ao balcón das vangardas  pictóricas e sentiu que era necesario «dar un paso atrás» para recuperar o bo camiño que evite os erros xa consumados e nos conduza a unha verdadeira vangarda. Isto significaba volver á técnica, rescatar a perspectiva e, sobre todo, recuperar a tensión emocional, «porque non hai obra se non hai tensión emocional sobre o espectador». Así xurdiu a súa novidosa proposta que domina toda a súa obra actual e a doutros pintores que se sitúan na mesma liña. Trigo engade con rotundidade: «Hoxe toca romper todos os estilos, porque se trata de crebar o narcisismo da pintura, que xurdiu no século XVIII. O ego do artista xa non dá máis, xa non é suficiente, como se está a ver. E tampouco vale esa linguaxe inintelixible que se creou para xustificar o inxustificable. As propias redes sociais contribuíron a estragar o negocio dos intérpretes. Por iso hai que deconstruír, hai que crear novas estéticas, porque as destruíron». 

Os seus bodegóns, os seus espidos, as súas alegorías, as súas perspectivas aéreas e mesmo os seus retratos, que gozan de unánime recoñecemento,  sitúanse nesta liña de recuperación da pintura, que debe vencellar a obra e o público para que sexa verdadeira arte. Acabo de ver unha boa  mostra da evolución da súa obra na Fundación Arcilla, en Madrid, cidade na que vive desde 1990. 

Modesto Trigo Trigo naceu en 1960 en Gundivós (Sober, Lugo) e foi desenvolvendo un estilo propio desde un realismo esencial ata unhas construcións polimorfas cheas de variantes e sutilezas. A forza e o saber do retratista brilla tamén na recreación (sempre moi persoal) das paisaxes urbanas, con variantes que descifran novas perspectivas e ofrecen visións moi suxerentes, case sempre lúdicas e cheas de humor. A perfección da obra desafía así os límites do real, para converterse nunha «aparición» ou nunha «visión irónica» onde o autor e o público xogan ás escondidas con sutís complicidades, non sempre baseadas en elementos explícitos.  Hai xogos de composición e de recreación que ofrecen perspectivas moi orixinais e suxestivas, cunha chamativa mestura (ou combinación) de estilos nun mesmo cadro. Ao cabo, esta é tamén unha das propostas novidosas nesa intención manifesta  de construír unha vangarda despois de dar un paso atrás para abrir novos camiños.