Spillane e o martelo

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

Os dez anos da morte de Mickey Spillane (1918-2006) non suscitarán unha profunda revisión da súa figura. Tampouco leremos artigos eloxiosos coa súa prosa e serán poucos os que admitan ter gozado máis coa lectura de Eu, o xurado (1947) que con algún clásico de maior lustre. Coma o seu detective Mike Hammer, Spillane era machista e homófobo, violento ata a náusea e azoute de negros e marxistas. Así que con esa munición ideolóxica tan presente nas súas obras, acompañada do temperamento fachendoso que nunca ocultou ao longo da súa vida, seguirá sendo difícil recoñecer admiración polo perverso Spillane. Pero só hai que facer a proba e xuntar uns cantos afeccionados ao xénero para que alguén cite o seu nome coa boca pequena, recoñecendo o pracer culpable de ter pasado moitas tardes de diversión con ese fulano repulsivo e retrógrado. Porque a Spillane hai que lelo absolvéndolle os pecados. Porque aínda que as súas novelas aloxan un nutrido catálogo de comentarios grotescos e reaccionarios, podemos ser libres para tomalos coa distancia que permite certo sentido do humor. E porque Spillane sempre regala acción pura e emocións fortes. Pero si. Era un fascista.

A lenda conta que este auténtico fenómeno da cultura popular norteamericana redactou o orixinal de Eu, o xurado en nove días para saldar unha débeda de mil dólares. En plena represión macartista, a inequívoca mensaxe da novela encaixaba co clima ideolóxico imperante nos Estados Unidos e as vendas do libro alcanzaron cifras espectaculares; a continuación, viñeron outras cinco aventuras do desapiadado Mike Hammer, martelo de delincuentes e comunistas maléficos. Chandler e Hammett gozaban de prestixio, Spillane dunha suculenta conta corrente. Así que nunca lle quitaron o sono as opinións dos seus detractores: «Impórtame unha merda ler as críticas. O que me importa ler son os cheques dos royalties». Deixou de escribir durante dez anos, cando se fixo testemuña de Xehová tras Kiss me, deadly (1952). Seica de regreso á faena literaria (unhas cincuenta novelas), o seu público máis fiel acusouno de volverse demasiado brando. Menos fascista.