Chegabas á adolescencia a finais dos 80 e debías tomar unha decisión difícil: ou eras de Stallone ou eras de Schwarzenegger. No meu barrio fundamos un grupo de partidarios de Sly cando vimos que en Cobra perseguía delincuentes sen quitar o escarvadentes dos beizos. Eramos o Escuadrón Zombie. Pero cando os bíceps de Arnie apareceron facendo de policía soviético en Danko: Calor Vermella, decidimos adoptar a ortodoxia comunista daquel armario de Moscova e abandonamos o reaganismo. Unha tarde trouxemos do videoclub a primeira parte de Rocky, descubrimos que alí había máis drama que directos de esquerda e pola noite comezamos a facernos maiores. En consecuencia, regresamos para sempre a Sly. Alguén pronunciou as palabras «obra mestra» e xa nunca volvimos debater sobre músculos, armas e explosivos. Resulta que Stallone, xunto con Chaplin e Orson Welles, era o único actor da historia que conseguira ser candidato ao Oscar no mesmo ano nas categorías de actor e guión. O grupo sufriu algunhas baixas un ano máis tarde, á saída de Tango & Cash.
A Stallone nunca se lle valoraron as súas cualidades para a interpretación, pero cada vez que penso nun sindicalista norteamericano dos anos 30 aparéceseme a cara de Johnny Kovak en F.I.S.T. (Símbolo de forza), esa película enorme de Norman Jewinson. E teño unha especial predilección pola peculiar Paradise Alley (1978), a primeira vez que o noso home se puxo detrás da cámara. A historia débelle demasiado a Rocky, pero sempre me atraeu esa historia tan delirante dos tres irmáns Carboni que sobreviven nun barrio marxinal de Nova York. Hai anos informáronme de que Paradise Alley era tamén unha novela escrita polo propio Stallone, e lembro que non parei ata conseguila. Emocionado, lina dunha sentada escoitando unha e outra vez a banda sonora de Bill Conti, deixeina ao mencer sobre a mesiña de noite e tiven que recoñecer que o novelista Sly acertara ao centrarse na súa carreira cinematográfica. Sempre que me atopo polo barrio con varios membros do Escuadrón Zombie teimo en preguntarlles se comparten esa opinión, pero agora andan a outras cousas.