Os comentarios antisemitas dalgunhas das súas obras enzoufan a reputación do escocés John Buchan (1875-1940), pai do relato de espías e mestre dos Ian Fleming ou John le Carré, pero o crédito humano do novelista gaña matices cando comprobamos que foi sinalado na lista negra de Hitler por denunciar as persecucións sufridas polos xudeus. Tivo un pé no xornalismo: traballou como correspondente de The Times en Francia durante a Primeira Guerra Mundial e o goberno asignoulle tarefas de propaganda. A súa traxectoria política levouno ás filas do Partido Unionista e ao posto de gobernador xeral no Canadá. Cando abandonou as illas, había vinte anos que publicara a súa obra máis exitosa, Os trinta e nove chanzos (1915), punto de partida da actual novela de espionaxe. Quizais hoxe nos resulte inxenua, pero é imposible resistirse a unha trama en cuxo primeiro capítulo un personaxe lle revela ao protagonista Richard Hannay: «Esta noite estou un pouco nervioso. Verá, dá a casualidade de que neste momento estou morto». A aventura ten notables altibaixos, pero a exhibición de frases e réplicas enxeñosas garante o entretemento.
En 1935, a máis coñecida adaptación ao cine da novela coroou a etapa británica de Alfred Hitchcock, gran admirador da súa obra e outro experto en liquidar a verosimilitude en favor da emoción. No guión de The 39 Steps, Charles Bennett e o director traballaron por primeira vez cun macguffin, ese elemento que propicia o avance dunha historia sen ter relevancia na trama. Nas célebres conversas que mantivo con Truffaut, o director detalla o proceso de descuberta que os levou a concluír que ese pretexto argumental funciona mellor canto máis irrisorio resulta. Bennett e Hitchcock andaban á procura dun macguffin grandioso cando caeron na conta de que debía ser tan irrelevante como o da propia novela. Buchan non lle puxera nome á criatura, pero xa sabía o ben que funciona esa estrataxema nunha historia de espías. Tamén foi un mestre no manexo dunha figura de estilo que os británicos denominan understatement: a presentación en ton lixeiro de acontecementos moi dramáticos.