Crisol

FUGAS

25 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A calquera neófito que se achegue agora á literatura galega o que máis ha de sorprenderlle, penso, é a multiplicidade de tendencias, xéneros, voces. Como se a nosa literatura estivese, por fin, completa (aínda que eu creo que xa levamos moitos anos con esta tendencia). Digo que podemos encontrar literatura fantástica de excelente calidade, thriller e xénero negro, aventuras, infantil e xuvenil, novelas intimistas, eruditas, populares. E o mesmo podo dicir da poesía, o teatro e, mesmo, o ensaio, que era o xénero no que máis carencias presentabamos. Falemos, pois, de literatura fantástica.

Leo Feitizo de sangue, segundo tomo da triloxía As crónicas de Landereina. A autora, Sabela González, o primeiro que nos presenta é unha habilidade excelente á hora de compoñer unha novela desta tipoloxía. Non son eu un seguidor acérrimo destas obras pero de cando en vez achégome ao xénero e descubro, como neste caso, un volume capaz de engaiolar non só aos moitos seguidores desta literatura, senón tamén a calquera lector curioso e pluridisciplinar. Ten recendo a Tolkien, por suposto, como toda a literatura fantástica que se prece, pero ten moito de Nós, de Galicia e dos galegos. Encontrarán ananos, meigas e meiguizos, malvados sen corazón, feitizos, reis e súbditos, tiranos, obxectos de valor máxico, etcétera. Unha boa elección.

Outra, que nada ten que ver coa anterior, de Iván García Campos, Cuestións vitais secretas. Un libro de relatos que a min pareceume magnífico, e non encontro adxectivo mellor para definilo. Volume pleno de emocións e de entusiasmo creativo (quero dicir que hai detrás un gran autor, sen dúbida). Libro de misterios, pescudas, desexos satisfeitos e outros por satisfacer, ansias, devezos e tamén desvelos. Libro capaz de debuxar un universo literario propio, unha proposta literaria que os lectores non deben perder: «Daquela o meu fillo foise cos pasiños curtos cara á cama. O das ás tranquilizouno. As ás sempre deixan unha abertura para a imaxinación». Que non nos falte, digo, nin a imaxinación nin autores como Iván García Campos.

E, por último, para recompoñer o discurso do principio e amosar o crisol perfecto da nosa literatura. Volve un dos grandes da literatura infantoxuvenil cun libro pleno de orixinalidade, un auténtico prodixio de creatividade que quero aplaudir: As máscaras do profesor Robindra de Xoan Babarro González. Como dicía, o crisol perfecto.