De Lucrecio a Jaime Ballesteros

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

O 13 de agosto faleceu en Madrid, aos 83 anos de idade, Jaime Ballesteros, vicesecretario xeral do PCE desde a morte de Franco (1975) a 1982. Como tantos camaradas daquel tempo, soportou as presións da dificilísima clandestinidade e non estivo alleo a anos de cadea e aos «malos tratos» nas comisarías. Pero hai un Jaime Ballesteros moi pouco coñecido: o Ballesteros comprometido moi a fondo coa cultura. Foi el o nome esencial na configuración e definición de Ciencia Nueva, editorial de breve pero fértil e trascendente biografía (Madrid, 1965-1970). É unha biografía que coincide en catro anos (1965-1969) co reinado de Fraga Iribarne no Ministerio de Información e Turismo, sempre moi duro cos planteamentos editoriais de Ciencia Nueva. Foi Fraga -el mesmo ou un dos seus turiferarios- quen titulou un dos primeiros libros da editorial: Política y sociedad en el primer Unamuno. O autor, Rafael Pérez de la Dehesa, titulárao El pensamiento marxista en la obra del joven Unamuno. O volume recollía, comentándoos, os artigos publicados no semanario bilbaíno La lucha de clases por Unamuno cando xa era catedrático de Grego na Universidade de Salamanca.

Na colección Los Clásicos, Ciencia Nueva, á beira de clásicos do Século de Ouro español (el Segundo Lazarillo) ou de clásicos da novela social (La madre, de Gorki), publicou a tradución castelá do poema latino De rerum natura (De la naturaleza de las cosas) de Tito Lucrecio Caro, prologada e anotada por Domingo Plácido. O texto -aclarémolo- é a reedición da versión que fixo en 1791 o abate Marchena, ilustrado e herexe no seu tempo. Con esta reedición (comentada) moitos souberon que Lucrecio (s. I a. C.), co seu poema, era un precursor do materialismo. Marx, na súa tese de doutoramento (1841), gaba a coraxe de Lucrecio por rebelarse no seu tempo contra os deuses, contra a relixión do Estado que tanto esmagaba á xente («oppresso gravi sub religione»).

Jaime Ballesteros, o gran estratego da editorial, en 1968 non só ofrece, baixo a toga ilustre dun clásico latino, un precursor das teorías materialistas e antialienadoras, senón un clásico da literatura subversiva española do XVIII. Por este e por outros cincuenta títulos máis, Ciencia Nueva é o capítulo máis ilustre e eficaz da cultura marxista na era de Franco.