Mala noticia, o peche da libraría barcelonesa Negra y Criminal. Era un lugar de peregrinación obrigada para afeccionados e practicantes do xénero. Baixabas do avión, chegabas á cidade e sabías que tiñas que presentarte nese templo da Barceloneta o antes posible para non pensar que estabas perdendo o tempo. Todo o mundo falaba desa libraría que che enviaba libros asinados polos autores que presentaban alí as súas novidades, todo o mundo tiña a súa coñecida camiseta, todo o mundo consultaba os correos de Paco Camarasa procurando novas lecturas, todos agardaban as recomendacións da súa compañeira Montse Clavé, pero tanta devoción non impedía que as vendas do negocio levasen demasiado tempo caendo en picado. Lamentablemente, contaban con bastantes máis simpatizantes que clientes. E do prestixio non se vive. Abriron en 2002, cando en España apenas se lía novela negra, e o seu contaxioso entusiasmo teceu unha enorme rede de afectos por todo o Estado. Algúns sábados de viño e mexillóns entrabas alí dentro e saías con catro novelas e cinco amigos. Agora vense obrigados a baixar a persiana, cruel contrasentido, cando o xénero conta con máis lectores que nunca. Lectores, a maioría, que sucumben a produtos mainstream e mercan en grandes superficies.
Será estraño volver a Barcelona e comprobar que Negra y Criminal xa non existe. Pecha definitivamente o vindeiro 3 de outubro. Paco Camarasa seguirá pensando que «unha cidade sen librarías non é unha cidade, é unha urbanización», pero xa non o repetirá nunha desas instrutivas cartas semanais que enviaba á súa lista de correo. Vaise un espazo mítico, un lugar onde pensabas que te atoparías a James Cagney xogando ao póker co axente da Continental. Entrei por primeira vez na libraría hai case oito anos, despois de compartir unha divertidísima mesa de BCNegra con Xosé Miranda e Joaquim Ventura. Un día feliz e criminal. Paco Camarasa quería sabelo todo sobre a novela negra galega e non parou de anotar as referencias que lle demos mentres se sorprendía pola escaseza de traducións ao castelán. Que esta xubilación forzosa non lle roube o entusiasmo.