Seoane, sempre

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

Os vigueses e os moitos turistas que visitan Vigo neste verán teñen a fortuna, a inmensa fortuna, de poderen visitar, no Marco, unha excepcional mostra plástica de Luís Seoane, que o seu comisario, David Barro, director da Fundación homónima na Coruña, titulou Retrato de esguello. Na mostra están representadas algunhas das máis importantes facetas daquel home do Renacemento que se chamou Luís Seoane López (1910-1979): pintura, debuxo, gravado, tapices, cerámica, obra cartelística, bosquexos murais? A exposición tamén ofrece unha boa parte dos libros arxentinos e galegos que ilustrou (o Martín Fierro, Homenaxe a Lorca, os Catro poemas de Lorenzo Varela...): constitúen un capítulo moi valioso na historia hispanoamericana do libro ilustrado. Nese capítulo cómpre salientar a colección de poesía que dirixiu (con Arturo Cuadrado) e que bautizou cun nome de ouro: Botella al mar.

Eu tiven a sorte de visitar esta elocuente mostra na compaña de Rosa Espiñeira, experta, onde as haxa, no labor artístico do gran Seoane, a quen tanto admira, como admira a Maruxa Fernández López, a esposa, a compañeira intelixente e eficaz do artista de 1937 a 1979. (Rosa prepara unha homenaxe a Maruxa que será reveladora).

Pola miña conta, volvín ao Marco para ver, máis unha vez, o retrato de Lorenzo Varela e as revistas que Seoane ideou e editou no seu exilio arxentino, entre elas, o Correo Literario (1943-1945) e Galicia Emigrante (1954-1959). Nunha e noutra danse cita a súa portentosa cultura (tamén literaria), a súa agudeza para abordar o importante (o que importa ou debe importar) e o seu sentido da militancia «coas causas xustas» (en expresión de Isaac Díaz Pardo). Foi un artista comprometido, un escritor comprometido e un editor (de libros e revistas) moi comprometido.

Rosa e mais eu fixémonos, máis unha vez, a pregunta que se fan moitos: por que Luís Seoane, o artista e escritor Luís Seoane, non é máis coñecido, moito máis coñecido? En tempos de miseria -diría un Bertold Brecht das silveiras- os que teñen medios para promocionaren maiusculamente os artistas que denuncian a miseria, teñen poucos valedores. Admirable, sen dúbida, a Mostra deseñada e organizada por David Barro, unha mostra, por outra parte, desasistida polas instancias relacionadas co diñeiro. Non conta, por exemplo, cun catálogo, nin cunha  guía, e, por non haber, non hai, á entrada do Museo, un cartel de dez ou doce metros anunciando esa riqueza que é o universo plástico de Luís Seoane.