A literatura non é só ocio. Esta é unha afirmación que sosteño, tenaz. Creo que os libros deben facer sentir, emocionar, tocar os fíos do adentro (ocio aparte). Acabo de ler un deses libros. Máxico, tenro, pleno de amor. Foi publicado por unha desas editoras exquisitas que entenden a literatura máis alá do comercio (aínda que as editoras se nutran dos libros vendidos) ou do simple interés crematístico. Está en Vigo e chámase Creotz. O libro que comento: Lucas, de Mar Nieto.
Poucas veces a literatura ten ofrecido un testemuño tan descarnado. Enténdanme no sentido máis lato da palabra. Quero dicir que non hai nada de mentira entre as liñas de Lucas. Todo é verdade. Unha verdade que se manifesta dende unha historia real, tristemente acontecida, aínda que o lector pronto esquece este dato. É unha carta de amor ao fillo reaparecido a cada instante, vivo nalgún lugar do ceo, próximo á pel da narradora, súa nai. Un diario de memorias convertidas en espuma de mar, doce e garimosa. Un volume tan didáctico que debía ser materia común para todo lector que procure entre os libros, máis alá do ocio, unha revelación interior capaz de cambiar a propia vida.
Lucas foi para este lector un encontro febril e alegre, melancólico e feliz, exercicio de nostalxia e lección de futuro. Lean Lucas e feliciten comigo a quen é capaz de escribir e editar un libro tan encantador, fascinante, como este.
Porque as editoras pequenas están a facer un traballo impagable. Elas encárganse de publicar libros que por determinados motivos non entran en circuitos consuetudinarios. E nesas editoras o lector, por fortuna, encontra raras marabillas. Raro é un adxectivo que debemos recuperar no seu sentido máis optimista: iso que se distancia do habitual e repetido.
Coméntolles outra das recentes lecturas: A morte vén en chancletas. Problemas novos para Leopardo, de Jorge Emilio Bóveda, un «raro» que vén facendo o seu propio camiño literario, separado de cenáculos, observante do seu inagotable afán literario. Libro divertido, de construción literaria impoluta.
Leopoldo Pardo, ao que alcuman Leopardo, antigo vixilante xurado de centro comercial e cun pasado de cárcere, viaxa coa súa esposa ao Pazo de Ribada logo de ter probado a súa inocencia. E ata aí podemos contar. Van aparecendo personaxes capaces de tecer unha trama que mantén en vilo ao lector. Editouno Enxebrebooks, outra editorial nova. Os novos, imprescindibles.