Rematada a Segunda Guerra Mundial, a novela negra comezou a abandonar as súas formulacións políticas máis explícitas para dar paso a un tipo de narracións nas que gañaron terreo a intriga e a tensión psicolóxica dos personaxes. Esa nova indumentaria do xénero, en plena auxe da psicanálise, incorporaba novas estratexias dramáticas que desembocaron no apoxeo da chamada novela de suspense, un patrón narrativo explotado con brillantez por Kenneth Fearing, William Irish ou Boileau-Narcejac, e cuxa culminación creativa máis sobresaínte permanece intacta nas mellores páxinas de Patricia Highsmith. O obxectivo daquelas novelas non se concentraba tanto en dirixir a atención do lector mediante o desenvolvemento dun suceso, senón en enganchalo dende as primeiras liñas coa expectativa do que podía acontecer durante a narración. Seguía habendo detectives e delincuentes, pero abríase un novo vieiro para estudar o comportamento do cidadán anónimo atrapado na fatalidade, no perigo ou no sentimento de culpa.
Inxustamente esquecido entre outros nomes de maior popularidade, o xornalista e guionista norteamericano Bill S. Ballinger (1912-1980) frecuentou esta vertente onírica e experimental do xénero en novelas tan imprescindibles como Portrait in smoke (1950) ou The wife of the red-haired man (1957), recuperadas en castelán hai un par de anos pola Serie Negra de RBA. Gran creador de atmosferas e máis artífice de personaxes poderosos que de tramas policiais ao xeito clásico, a súa absoluta mestría no emprego de diferentes voces e perspectivas narrativas segue sorprendendo por esa mesma determinación que hoxe distinguimos na ficción televisiva máis exitosa. A diferenza doutros escritores da súa época, as súas mellores novelas non envelleceron e deixaron un pouso indiscutible na poética urbana do xénero. Hoxe son obras consideradas de culto entre os afeccionados. Profesor de escrita creativa na Universidade de California, Ballinger traballou duro para o cine e a televisión (Mike Hammer, A hora de Alfred Hitchcock) e asinou parte da súa produción alimenticia como Frederic Freyer e B.X. Sanborn.