Os días 2 e 3 de xuño a Universidade Autónoma de Barcelona acollerá unhas Xornadas sobre o escritor e filósofo Adolfo Sánchez Vázquez co gallo do centenario do seu nacemento (Algeciras, 17-9-1915). Trátase dun ilustre intelectual que viviu no exilio de México de 1939 ao ano 2011. Non estraña, pois, que sexa GEXEL (Grupo de Estudios del Exilio Literario), dirixido polo profesor Manuel Aznar Soler, quen organice este encontro intelectual.
Sánchez Vázquez acababa de finalizar o primeiro curso na Facultade de Filosofía e Letras de Madrid no verán de 1936, cando, como militante das JSU (Juventudes Socialistas Unificadas), inicia a defensa do réxime republicano coa pluma e coa espada. Cando, en 1939, embarca, rumbo a México, no mítico Sinaia, Sánchez Vázquez, moi novo aínda, non posúe ningún título universitario, o que vai dificultar economicamente os primeiros anos no país que acolleu a tantos e tantos intelectuais españois, moitos deles xa consagrados. Polo seu talento e a súa enerxía moral, non tardará en licenciarse na carreira de Letras e na de Filosofía e, pasados uns anos, en obter a cátedra de Estética da UNAM (Universidade Nacional Autónoma de México). Xa nela publicará, entre outros libros, Las ideas estéticas de Marx (1965), Filosofía de la praxis (1967), Sobre arte y revolución (1975), Filosofía y economía en el joven Marx (1982) e Del exilio en México (1991).
É na segunda edición deste volume (1997) onde Sánchez Vázquez, evocando un episodio de 1938, referido a Antonio Machado, menciona a dous galegos que admirou: «... yo fui el encargado de llevarle cada semana [a don Antonio], desde el frente, los víveres que le obsequiaban los jefes -Enrique Líster y Santiago Álvarez- del Cuerpo de Ejército». Cítaos noutros textos, nomeadamente cando fala de Antonio Machado, escritor ao que dedicou, en non poucas ocasións, páxinas moi significativas.
Eu coñecín a Sánchez Vázquez no ano 1999 nun Congreso sobre o exilio onde, con Manuel Vázquez Montalbán, disertou sobre o autor de Juan de Mairena. Regresei con el no autobús a Barcelona, onde ceamos na compaña de Isaac Díaz Pardo, que, xa daquela, era o gran editor da literatura dos exiliados. O día 3 disertarei sobre el como comentarista de Antonio Machado. Tamén eramos camaradas nesta devoción.