A Virxe do Cristal

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

03 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

 O 12 de marzo a prensa galega dábanos a noticia de que, en Vilanova dos Infantes (Celanova), aparecera morto, vítima dun asasinato, o reitor do santuario da Nosa Señora do Cristal. Coñecín e tratei a don Adolfo Enríquez Méndez, sobre todo no ano 2001, sesquicentenario do nacemento de Curros Enríquez, o poeta que cantou, con pluma excelsa, as características e a historia dun prodixioso cristaliño que contén, no seu interior, a imaxe da Virxe. Curros, o clerófobo Curros, conta, no poema A Virxe do Cristal, unha lenda chea de devoción mariánica e de emoción relixiosa. Conta a historia, cando xa é un racional e contundente anticlerical, pero faino como o faría súa nai, boa e crédula, que lle relatou o milagre cando era neno.

En 2001, conversei moito co párroco de Vilanova dos Infantes, con don Adolfo Enríquez, que, nesas datas, ofrecía gratuítamente aos seus fregueses mil (sic) exemplares d?A Virxe do Cristal. A edición, que promovemos os organizadores do Congreso Curros Enríquez, foi financiada pola Deputación de Ourense.

Xa nada podemos facer por don Adolfo Enríquez, salvo desexarmos que a terra -como se di nos epitafios clásicos- lle sexa leve. Así as cousas, hoxe o noso pensamento céntrase no prodixioso cristaliño, que o señor cura párroco gardou, reverente, durante case medio século. A policía, coa colaboración dos cidadáns, non debe aforrar esforzos para atopar, canto antes, a «pedriña pedra» coa que Martiño, o protagonista do poema, bateu e á que cualificou de «non vista endrómena» e á que o poeta describiu en versos coma estes: «era unha pedra pedriña, / como un ovo de galiña / tallado en fino cristal; / unha pedra primorosa,/ elíptica, limpa, pura, / [?] reloce como un diamante / pero mirada de preto, / sospende, ademira, espanta, / vendo nela a imaxe santa / da bendita Nai de Dios».

No verán de 1965 recollín, en Vilanova dos Infantes, tres versións da tradición oral, unha relatada por Adolfo Nieto Casas, de 63 anos, que a aprendera, de neno, da súa avoa Gertrudis Suárez. Nesa versión -allea ao poema de Curros e previa a el- foi «unha nena de sete anos, que andaba conhas ovellas no monte, [quen] encontrou un cristaliño». Tamén a nena deste vello relato tradicional nos esixe que reencontremos canto antes a ?pedra pedriña? que inspirou un dos grandes poemas da literatura galega, un dos grandes poemas narrativos da Europa do XIX.