Hai días no Paraninfo da Universidade de Compostela conmemoramos un feito verdadeiramente rechamante na historia da oratoria galega: a data na que don Ramón Otero Pedrayo, catedrático de Xeografía desde 1950 na Facultade de Filosofía e Letras, impartiu a súa primeira clase en idioma galego. Foi a primeira e a última pois nesa data, hai 57 anos (o 5 de marzo de 1958), o ilustre profesor, por cumprir setenta, xubilábase.
Desde esa data, persoas interesadas no tema da oratoria en galego na Era de Franco, teñen solicitado de min -vello comentarista da cuestión- algunhas noticias complementarias. En efecto, a lección do 5 de marzo de 1958 foi a primeira disertación en galego nunha tribuna universitaria. Eu mesmo referín que un ano antes, o 21 de marzo de 1957, o Decano da Facultade de Filosofía e Letras, don Abelardo Moralejo, prohibiu a utilización da lingua galega ao mantedor das Fiestas Minervales na entrega dos correspondentes premios, celebrada esa mesma tarde no mesmo Paraninfo. Eu era o mantedor daquel acto literario.
Polo que verdadeiramente se interesan os meus solicitantes é por un discurso de don Ramón, tamén en galego, proferido o 11 de novembro de 1949 nos xardíns do Posío (Ourense) no acto en que se inauguraba o monumento a Valentín Lamas Carvajal. (Era o I centenario do seu nacemento). Está claro que non foi unha alocución nunha tribuna universitaria pero foi unha alocución en galego, a primeira no noso idioma desde 1936. Dous días despois, nunha carta a Manuel Casás, presidente da Academia, escríbelle estas palabras de ouro: «A la tarde hablé en gallego ante el nuevo monumento en el Posío. El Gobernador y el Ayuntamiento falangista tascaban el freno. Era de perro de presa con carranca la cara del pretor. Para resarcirse, al final, inoportunamente y con sorpresa de la gente, cantaron el Cara al sol y dieron los gritos. En fin, todos quedamos en lo nuestro».
Os berros foron, sen dúbida, «¡Arriba España!» e «¡España, una, grande y libre!». Con eles e co Cara al sol puxéronlle colofón ao desconcertante, insólito e conmovedor discurso de don Ramón Otero, quen inmortalizou ao pretor, ao gobernador civil Vicente Muñoz Calero, coa egrexia formulación «Era de perro de presa con carranca la cara del pretor», que é un fonosimbolismo no que o fonema «r» está ao servizo da imaxe ríspita e estúrdiga do Poncio ourensán.