Está por escribir a historia da presenza da lingua galega na Universidade compostelá antes do 36. As cátedras falaron sempre en castelán desde que, de iure ou de facto, deixaron o latín. Domingo Fontán, o autor do famoso Mapa, que era catedrático de Matemáticas Sublimes, foi denunciado polos pais dos seus alumnos por explicar a súa asignatura, no ano 1818, en lingua castelá.
Fóra do ámbito dos estudos regrados, os galeguistas do Seminario de Estudos Galegos utilizaban a tribuna da Facultade de Filosofía e Letras para explicaren en galego materias que os intitulados profesores xulgaban de especial interese. Hai un feito indiscutible protagonizado a comezos de 1933 por un profesor moi novo, de 26 anos, xa un sabio no tema: Xosé Filgueira Valverde. Entre o 17 de xaneiro e o 18 de febreiro de 1933, responsabilízase dun curso, en quince leccións, de Literatura galega, cuxo Programa, impreso, ainda é unha alfaia da erudición literaria galega. Por primeira vez se falaba, na Universidade do país, na lingua do país, sobre os textos literarios formulados no idioma do país.
Quen, despois de 1936, foi o primeiro en utilizar o galego nunha clase universitaria? Foi o 5 de marzo de 1958, case vinte anos despois de finalizada a Guerra Civil. O protagonista, Ramón Otero Pedrayo, catedrático de Xeografía, xubilábase nesa data (cumpria os setenta anos). A lección («a derradeira lección» do mestre) tivo lugar no Paraninfo, pois na aula habitual sería insuficiente para alumnos, exalumnos, amigos e admiradores que ateigamos o amplo salón da Facultade de Letras. Por certo, cando don Ramón comezou a súa vibrante alocución académica, en lingua galega, ninguén sabía, ninguén sospeitaba nada. Don Ramón, que era catedrático de Xeografía desde marzo de 1950, utilizaba nas súas aulas, sistematicamente, o castelán. O sentimento de todos, antes que a emoción, foi o desconcerto. Cando pasaron algúns minutos, quedamos mergullados, ética e estéticamente, naquel discurso no que o orador, o egrexio e insólito orador, púñalle voz ao Pórtico da Gloria, á fachada do Obradoiro, á Quintana e aos poetas galegos que fixeran poesía coa nosa xeografía. Don Ramón finalizou a súa oración académica cunhas palabras de Pondal: «Boandanza e saúde!». Aínda non se extinguiron os ecos daquela inmensa e desconcertada ovación.