Alejandro Armesto

FUGAS

06 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A morte de Alejandro Armesto Buz o pasado día 21 de febreiro en Santiago de Compostela tróuxome á memoria toda unha época de grandes xornalistas galegos en Madrid: desde Victoriano Fernández Asís a Daniel Sueiro ou Cuco Cerecedo, pasando por Wenceslao Fernández Flórez, Julio Camba, Augusto Assía, María Victoria Fernández España, Manuel Blanco Tobío, Gonzalo Torrente Ballester, Celso Collazo, Borobó, José de Castro Arines, Alberto Míguez, Manuel Cerezales, Manuel Martín Ferrand ou Antonio D. Olano.

Alejandro Armesto Buz foi director-xerente da Axencia EFE entre 1969 e 1976, con grandes acertos no ámbito empresarial e na expansión informativa internacional, sobre todo en América Latina. Neses anos instalouse na sede da axencia en Madrid o primeiro ordenador central para distribuir información e creouse a Axencia Centroamericana de Noticias (ACAN) , con sede en Panamá, en cooperación cos principais medios de comunicación do istmo. Daquela as noticias de EFE chegaban a Panamá vía satélite e desde alí distribuíanse aos países da zona por microondas. O seu obxectivo declarado foi «proxectar a noticia española ao exterior e traer todo o caudal informativo do estranxeiro, que antes éranos servido con ollos estraños».

A carreira do santiagués Alejandro Armesto comezou en periódicos galegos, pero foi en EFE onde desenvolveu o seu proxecto informativo máis ambicioso. O seu labor contribuiu a que esta axencia informativa internacional sexa hoxe a cuarta do mundo, detrás da estadounidense AP, a británica Reuters e a francesa AFP. A expansión que comezara con Carlos Mendo (cando Manuel Fraga era ministro de Información e Turismo) deu un grande pulo con Armesto, que abriu novas delegacións no exterior, entre elas a de Moscova, que ocupou durante os cinco primeiros anos o tamén xornalista galego Celso Collazo Lema, finado en 2014 e enterrado en Vimianzo nun emotivo acto.

Toda unha xeración de periodistas debémoslle a Armesto a continua renovación xeracional e profesional que impulsou en EFE, sempre cun criterio de apertura que enlazou coa chegada da democracia. Na hora da súa morte merece esta lembranza, que só vén facerlle xustiza aos seus moitos méritos personais e xornalísticos. O seu nome quedará para sempre nesa longa restra de periodistas que sairon de Galicia e que foron de certo grandes mestres. RIP.