Sucédense os comentarios sobre Ciutat Morta e a maioría conflúen nas sensacións case terroríficas que o relato produce no espectador. Se aínda quedaba alguén que pensaba nunha Barcelona exclusivamente triunfante, entregada ao turismo e obsesionada pola autopromoción, aí están as testemuñas recollidas no documental para amosar o considerable tamaño das súas miserias. «Venid a a las cloacas», cuspía La Banda Trapera del Río a finais dos 70 referíndose á sordidez do extrarradio. Son outras as pestilencias que emanan do convite de Ciutat Morta: denuncias de torturas por parte da Guàrdia Urbana, detencións aleatorias, simulacro xudicial, criminalización pola nacionalidade ou polo aspecto físico. Poñendo de manifesto as peores inercias do sistema, a toma de partido do documental acaba converténdose na visualización das consecuencias dun drama, unha traxedia que comeza cun policía gravemente ferido no desaloxo dunha festa okupa e remata co suicidio de Patricia Heras durante un permiso carcerario. «Onde hai rabia hai vida», escribiu Jean-Claude Izzo en Chourmo. Desa vida a peito descuberto, e de poetas que visten como Cyndi Lauper, fala Ciutat Morta.
En febreiro de 2006, cando ocorreron os acontecementos narrados no documental, a defensa das persoas acusadas apenas conseguíu saír dos chamados ambientes antisistema. A realidade é ben distinta agora. Dende a súa emisión por TV3 e a súa posterior difusión polas redes sociais, a denuncia de Ciutat Morta propagouse máis alá dos escuros hábitats onde á xente non lle alcanza para mercar eses abrigos Chesterfield cos que se pasean os malos imitadores de Al Capone. Patricia Heras, en cambio, era sinistra e levaba o pelo rapado a cadros. A mellor crónica negra, seguindo o modelo trazado por Hammett, sempre se orixina cun confuso suceso criminal sobre o que se precipita un misterio, e remata desembocando as súas augas toldadas sobre a moqueta dun despacho onde se acostuma a levar gravata. Os elementos cos que xoga Ciutat Morta encaixan á perfección nese itinerario. Volvendo a Izzo, nas súas imaxes temos cita coas frías cinzas da desgraza.