Mentres que en Lugo vivíamos un ambiente calmo, pensando case máis no derbi, en Murcia o ambiente íase caldeando estes días, tanto por parte do seu adestrador como de algúns afeccionados. Sito Alonso quería poñer un pouco de pemento picante e desviar a atención sobre un equipo moi intenso, demasiado en ocasións, e de aí a súa sona.
No outro banco, Mrsic. Tras caer ante Baskonia era crítico co nivel defensivo e o alto número de puntos encaixados, aspecto que moitos compartimos xunto cunha pobre aportación numérica da chamada “segunda unidade”. Non era Murcia a mellor praza para poñerse a proba, pero si unha boa oportunidade para aferrarse á esperanza do playoff.
Non puido ser. Nun encontro de alto ritmo, pero sen tanta dureza como se poidera prever, un espectacular Taylor e un fatídico terceiro cuarto cun Murcia desatado foron suficientes para derrotarnos. Non faltou a aparición do orgullo celeste e a loita propia dos nosos que incluso nos achegou a unha aceptable diferenza, sen chegar a consumar a remontada.
O Breo semella estar apagándose logo dun comezo de liga no que fisicamente estabamos a gran nivel, pero varias xornadas intersemanais e as grandes minutadas de xogadores clave pasaron factura. Precisamos da mellor versión de Bell-Haynes, de ese Sakho que parecía comezar a aportar, dun Kacinas que semellaba recuperado para a pista, de maior consistencia de Kalinoski no total do encontro, de minimizar perdas, mellorar dende a liña de 4,60... E para iso necesitaremos mente limpa e pernas frescas.
O sábado derbi. Xa temos ás portas a oportunidade de resarcirse dun mal encontro, polo que tocará empurrar dende a grada e apoiar a intensidade defensiva dos nosos para tratar de impoñerse a Obradoiro. Será vital que eses minutos de intensa defensa vistos en Murcia se multipliquen. E que todos se contaxien da intensidade de Sergi Quintela. Sergi si, Sergi si.