Sen recompensa ao esforzo

Alberte L. Muñiz

FORZA BREO

GERARD FRANCO

Soñamos máis de corenta minutos con gañar en Badalona, pero ao final non puido ser.

Tempo despois da Copa, presentámonos a esta minixira polo nordeste peninsular coa baixa de Jankovic. E coa alta, e incluso quecemento, de Agustín Ubal, prometedor xogador do Barça que semella que virá a Lugo na busca de presenza en ACB. Bo físico, boa carta de presentación con a selección charrúa... Que sexa unha próspera relación a nosa.

O encontro foi tan igualado que chegamos á prórroga, con continuas tentativas de deixarnos atrás no marcador, e o Breogán agarrándose ao encontro, tal e como nos ten acostumados, si, pero que dureza mental para aguantar 40 minutos así. Forzou a prórroga o pegamento deste equipo, Rasid Mahalbasic, nunha actuación xenial do balcánico.

Neste tempo engadido competimos, pero as nosas virtudes non chegaron para tapar as carencias propias e ao empuxe do equipo rival, un dos poucos que gañou no Pazo e claro candidato ao playoff.

Parciais importantes de final de cuarto en contra, un Pau Ribas co que soñaremos esta noite, baixo acerto no tiro de 3 e excesivas perdas seguramente foran os nosos principais puntos febles nesta noite. Tamén poderiamos sumar as faltas evitables de Jordan Sakho, que o levaron ao banco rapidamente, se ben na segunda parte estivo moito máis entoado. No lado positivo, vimos momentos de baloncesto ofensivo moi fermosos e un equipo que segue mantendo as súas sinais de identidade intactas. E con iso hai que quedar.

Próxima estación: Andorra. Agardemos non pagar o esforzo de hoxe, que todos estean en plenas condicións e tratar de traer algo positivo desta longa fin de semana.