Á calor do Pazo

Alberte López

FORZA BREO

Carlos Castro

20 ene 2022 . Actualizado a las 20:23 h.

Aocasión era histórica, e ante esa oportunidade un equipo de carácter coma o noso non perdoou ante todo un Baskonia, que se suma a nosa lista de logros. Se nolo din a comezo de tempada, ninguén o creería.

Tiña especial expectación neste encontro por ver o enfrontamento capicúa entre o 13 celeste (Musa) e o 31 vitoriano (Giedraitis), posiblemente dous dos mellores aleiros de Europa. Ou sen posiblemente. Nel gañou claramente o rapaz de moda, xa que mentres o lituano apenas presentou candidatura, Musa volveu a desenvolver un verdadeiro partidazo, petando á porta dos altares breoganistas onde residen Charlie Bell, Velimir Perasovic e tantos outros.

Ante Joventut víranse algunhas dúbidas, especialmente no inicio do último cuarto semellaba que o equipo case baixaba os brazos, para logo re-entrar no encontro de xeito tardío e insuficiente. Ante o club de Spahija foi todo o contrario. O equipo entrou no período decisivo con determinación e deixou a Baskonia desconcertado por momentos, case inoperante. E valeu unha victoria. Papel destacado neses intres de Erik e Iván Cruz, dous dos xogadores que ascenderon co Breo dende a Leb, o cal é maior motivo de fachenda, se cabe.

Dende a grada, este triunfo sabe moi ben, case tanto como para os xogadores ou mesmo máis. Aínda que agora mesmo é algo lonxano e do que queremos afastarnos todo o posible, non debemos esquecer de onde vimos e os anos máis escuros que pasamos, con ameazas de liquidación dun club que non era viable. Anos despois, levantar a cabeza, mirar ao marcador, e ver que lle gañas a un club moi poderoso en Europa con nomes de primeiro nivel, estar virtualmente e salvo catástrofe clasificados Copa (ese torneo que tiñamos que ir ver como espectadores neutrais), ver as gradas cheas (e máis que habería se non fora pola situación que vivimos) e con moita xente nova... non hai palabras que describan esa ledicia

Celebremos, por tanto, este triunfo, desfrutemos e pensemos xa no derbi do Sar deste domingo, pois o noso obxectivo inmediato son eses 12 ou 13 triunfos que nos dean a salvación e aseguren a permanencia na ACB, vital para estabilizar o proxecto. Semella que o faremos con Veljko Mrsic xa como novo adestrador, un técnico balcánico para un equipo balcanizado. De ser así, Javi Muñoz deixará de ser primeiro adestrador cun inmellorable sabor de boca, cando menos no deportivo. Gran detalle o seu para coas persoas que conforman a estrutura deportiva do Breo, que o acompañaron en sala de prensa.

E xa sobre balcánicos e axencias, está claro que a situación do Breo non acaba de parecer a ideal pola excesiva dependencia que pode haber da mesma e a súa vontade. Quizais dentro de pouco tempo me arrepinta destas liñas, pero se este é o prezo a pagar para pasar un ano tan bo de baloncesto, con tan grandes xogadores e poder dicir “eu vin xogar a Musa”, ao mellor ata o damos por bo. E sen gastar máis do que temos, algo imprescindible para clubs modestos como o noso.

Por tanto, desfrutemos cada día do que nos está dando o Breo, e sigamos dando calor e color ao Pazo.