«O difícil en televisión é enganchar ao público no primeiro capítulo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

marcos creo

Logrouno con «Velvet» e, en xaneiro, probará sorte con «Bajo sospecha»

21 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que fai só unha década que, xunto coa súa muller, Teresa Fernández-Valdés, se lanzou á conquista de Madrid coa produtora Bambú, Ramón Campos xa ten ás súas costas unha traxectoria de vertixe. Series como Gran hotel ou Gran reserva servíronlle para ir trazando unha liña ascendente que chegou ao seu cumio, polo menos de momento, con Velvet. Pero son varios os proxectos que o noiés ten en marcha. Un deles, a nova aposta para Antena 3, Bajo sospecha, foi a elixida para a gran gala da Mostra de Curtas.

-Hai un ano Velvet e agora, Bajo sospecha, ¿como encaixa unha localidade como Noia no lanzamento de series de renome coma estas?

-Para Bambú, a cita coa Mostra de Curtas de Noia é un acto que xa tentamos instaurar como anual; primeiro, porque permite que o festival teña unha relevancia maior, e segundo, porque a nós fainos moita ilusión estrear na vila e achegarlle aos veciños o noso traballo.

-Despois do exitazo de Velvet, con máis de catro millóns de persoas pegadas cada martes ao televisor, ¿non impón lanzar outra serie na mesma canle, tamén en prime time?

-Sempre hai medo ao fracaso, pero cremos que temos unha serie moi boa nas mans, que vai enganchar. Bajo sospecha foi testada en Madrid, con varios pases privados, e a xente quedou satisfeita.

-¿Aposta neste caso por unha temática completamente distinta?

-Si, é o polo oposto a Velvet, que é un conto, unha historia máxica. Bajo sospecha é unha serie dura, un thriller dramático. Para Bambú, significa como volver ás orixes. Cando nos chegamos a Madrid, hai dez anos, viñemos para facer Desaparecida, que foi o noso lanzamento. Agora, volvemos cunha temática similar, pero aplicando os coñecementos adquiridos ao longo deste tempo, a experiencia.

-Escoitándoo, semella que non é tan difícil acertar cos gustos dos espectadores, pero a lista de series que fracasa en televisión demostra o contrario. ¿Cal e o segredo?

-É difícil saber cal é o segredo. En series como Velvet, nós contamos con personaxes que chegan a converterse en parte da familia dos espectadores. Cando te namoras deles, es capaz de seguilos ata o fin do mundo. A xente chega a identificarse tanto con eles que, nun momento dado, sabe como van reaccionar. O difícil en televisión é enganchar ao público no primeiro capítulo; se o consegues, a partir de aí tes que manter o gancho.

-Hai unha pregunta que, de seguro, se fan os milleiros de seguidores de Velvet. ¿Hai final para esta historia de amor?

-Algún día, pero de momento, non. De feito, vimos de asinar a terceira temporada, polo que a gravación de novos capítulos está garantida. A día de hoxe sabemos cal vai ser o final da segunda temporada e incluso traballamos tendo unha meta, sendo conscientes de cara onde queremos que camiñe a historia; pero non, na actualidade non temos o final de Velvet definido.

-¿Cales son os elementos que nesta nova aposta poden xogar en favor de Bambú para conquistar de novo aos espectadores desde o capítulo un?

-Por unha banda, está o feito da curiosidade que é innata das persoas, e por outra, penso que ás mulleres, que segundo os estudos que manexamos son as que mandan á hora de prender a tele nunha ou outra canle, lle encantan as series policiacas. Logo, o tema das desaparicións ten moito tirón, non hai máis que ver a expectación que provocan os casos reais nos medios de comunicación. No que se refire a Bajo sospecha, a todo isto hai que engadirlle o xogo no que queremos involucrar ao público. Os espectadores, nas súas casas, van poder facer cábalas para tratar de adiviñar cal é o culpable pois, desde o primeiro momento, ninguén aparece como inocente.

ramón camp0s produtor de bambú