Carta abierta a Chema Ferreiro

La Voz

FIRMAS

Tiñas 25 anos, estimado candidato do BNG á alcaldía de o Concello de O Carballiño, cando Miguel Ríos publicou o álbum «Os vellos roqueiros nunca morren» que chegaba para quedarse entre os iconos do rock e da fraseoloxía patria (ou estatal, que dirías ti). Uns cantos anos despois (non moitos pois es o vivo exemplo de que os anos non se levan no DNI e si no corazón), fas realidade o aserto. Ca debacle do bipartito, deixaras a delegación da Vicepresidencia da Xunta en Ourense e retiráraste do mundanal ruído mediático volvendo á Sanidade, ó Dereito e ó deporte federado para veteranos. Agora, facendo bo que os vellos (e bos) políticos nunca morren, o BNG rescátate para recuperar vellos laureis no Carballiño. Volves cun grande do nacionalismo local de compañeiro de viaxe como é Manolo Amil (como esquecer os catro edís que conseguiu no 2007!). Na túa presentación desta semana che dedicou unha frase que subscribo: «É unha persoa honesta e de fenomenal experiencia». Hai case seis anos deixaches a política sen rancor, sen farfullar sentenzas e sen culpar o pobo da derrota. Fixéralo coa elegancia (non me refiro aos teus ternos impecables e ás túas canas ao aire) propia dos bos políticos: «A política son tránsitos e é moi hixiénico deixar a primeira liña».

Agora volves a esa liña para vivir un novo, e seguro que exitoso, tránsito.