A preocupación da directiva do XAV pola falta de pavillón deixou de ser unha prioridade para converterse nunha urxencia. O pasado domingo o conxunto sénior estreábase na Liga de Segunda División A, a máxima categoría a nivel autonómico, logo de descansar na xornada inaugural. Fíxoo felizmente, cunha pelexada vitoria sobre o CV Bruxas, o domingo no Pombal. O resultado, 3-1, con remontada logo de perder o primeiro set 23-25 para gañar os tres seguintes 25-22, 25-22 e 25-21.
Tras perder por traslado a Las Palmas a súa veterana oposta Fátima Cortegoso a metade da pasada campaña, o XAV reforzouse este verán con catro ex xogadoras do club: Iria Alfonso (receptora), Laura Prado (colocadora), Noa García (central/receptora) e Valentina Barreiro (oposta). As tres primeiras, tras 5 anos sen xogar.