A pintora xermana xoga nas súas obras coa súa propia mirada da natureza e a paisaxe como «voyeur» contemporánea
17 oct 2014 . Actualizado a las 11:06 h.Falase da súa obra como hiperrealismo suxestivo, pero a xermana Karin Kneffel (Marl, 1957) fuxe dos «caixóns de categorías» e di que o seu é pintura contemporánea e nela reflicte o seu xeito de velo mundo. Unha caligrafía lograda tras anos de traballo, que segue en constante evolución e da que dende onte pódense ver 41 destacadas mostras no MAC coruñés. A pintora recoñécese filla do seu tempo e por iso entre as súas influencias están as referencias cinematográficas nos seus traballos, esa mirada a través de fiestras que parecen cámaras ou filtros que desvirtúan os obxectos, e o seu interese pola arquitectura, inspirándose en vivendas construídas por Mies van der Rohe.
A mostra coa que presenta o seu traballo non é unha retrospectiva, aínda que pódese ver unha peza de 1996, senón que maioritariamente ten obras dos últimos oito anos escollidas para crear unha determinada atmosfera e que combinan imaxes de natureza e paisaxe.
Nun momento en que o audiovisual, o movemento, o invade todo, Kneffel cuestiónase a mirada estática da súa arte e recoñece que síntese coma un «dinosauro cun pincel tratando de transmitir algo a través dun cadro, xa que a pintura contradí a imaxe móbil, pero por outra banda tamén dialoga e a complementa». Faladora e afable, defende unha depurada técnica recoñecida tanto pola crítica como polo mercado, que lle permitiu sempre vivir da pintura, pero rexeita deixar a docencia porque cree que é un traballo importante, porque divírtese manténdose en contacto coa xente nova e tamén por unha arela feminista que busca ampliar os patróns.
Aínda que a meirande parte dos cadros que se expoñen no MAC veñen de coleccións privadas, a pintora recea do actual mundo da arte, do que se move en actos sociais, e das arbitrariedades das cotizacións, pero non se mostra preocupada polo futuro. «Na miña carreira xa lle deron a extrema unción á pintura seis veces, cando menos», di Kneffel sen perder o sorriso.