«A colaboración empresarial non pode entenderse como unha obriga»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

Téndelle a man ao sector turístico para o deseño dunha folla de ruta

05 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

No pasado mes de xullo, Irene Maneiro asumiu a xerencia de Arousa Norte. Para esta ribeirense, a mancomunidade non é unha caixa de sorpresas; ao contrario, ela coñece ben os segredos que pode agochar este paraugas comarcal, pois leva sete anos exercendo de técnica. Foi incluso unha das persoas que impulsou o proxecto que se converteu na bandeira do ente, a oferta adaptada a turistas con diversidade funcional. Agora chega á dirección para seguir os pasos da súa antecesora, Fátima Rodríguez, coa que Arousa Norte viviu, polo menos de momento, a súa etapa máis esplendorosa.

-Agora é xerente, pero leva varios anos traballando na mancomunidade, ¿cal foi para vostede o gran logro de Arousa Norte neste tempo?

-Dende o meu punto de vista, o principal logro de Arousa Norte foi crear unha oferta turística adaptada para persoas cegas pioneira en España e que está sendo obxecto de recoñecementos, ao tempo que facilita o posicionamento do destino en materia de accesibilidade.

-¿E cales son os grandes retos que ten por diante?

-¿Cales van ser as súas prioridades como xerente?

-Son varias. As principais, consolidar unha imaxe ou marca de destino turístico e identificar e atraer novos segmentos de visitantes. Tamén queremos crear unha axenda comarcal de actividades anuais, así como promover a mellora e a profesionalización do sector empresarial turístico. Ao mesmo tempo, penso que é necesario desenvolver unha ferramenta que nos permita definir uns indicadores de calidade para realizar un estudo do comportamento dos proxectos antes, durante e despois da execución. Isto permitirá medir e avaliar o seu rendemento e o investimento realizado para detectar oportunidades ou obstáculos e poder reaccionar.

-Sempre se dixo que o punto forte da mancomunidade era a unión dos alcaldes e o feble, a falla de colaboración empresarial, ¿ve vostede este mesmo panorama?

-Percibo ao sector implicado e con ganas de traballar coordinadamente para conseguir o fin común, a consecución do posicionamento de Arousa Norte como destino turístico. A colaboración empresarial non pode constituír unha obriga, o importante é que as portas da mancomunidade están abertas, tanto para as empresas turísticas, como para negocios de outros sectores afíns.

-¿Pretende tratar de cambiar este panorama na parte que lle toca aos empresarios?

-Pretendo sumar a través dunha colaboración que permita desenvolver unha folla de ruta que estruture o traballo entre o sector empresarial e a mancomunidade. Para iso será necesaria unha estratexia de comunicación fluída, coa finalidade de buscar solucións conxuntas. En breve empezaranse a organizar mesas de traballo para artellar a estratexia a seguir.

-Un dos puntais de Arousa Norte é o proxecto de accesibilidade, ¿en que punto está nestes momentos e cara onde camiña?

-A consolidación dun produto turístico é un proceso que require de tempo e, como é o caso da oferta accesible para persoas cegas, depende do ciclo de vida: introdución, lanzamento, crecemento, madurez e declive. Ao longo do ciclo hai que reformular varias veces as estratexias de márketing xa que, entre outros, o entorno e os competidores cambian. A fase de introdución caracterízase porque as ventas son lentas, xa que se ten que facer fronte aos custes e ao descoñecemento do produto por parte dos clientes. Nesta fase, o obxectivo é crear conciencia sobre o produto e estimular a proba deste.

-¿Está Arousa Norte nesta fase?

-Considero que neste momento estamos entrando na fase de crecemento, xa que o produto estase coñecendo entre os potenciais usuarios, que están mostrando interese. Neste sentido, teño que destacar o interese da delegación territorial de ONCE Galicia por incluír a nosa oferta accesible no catálogo das viaxes que organizan para os seus afiliados de toda España, nos meses de setembro a xuño.

-¿Non cre que é arriscado centralizar os esforzos nun colectivo minoritario de turistas?

-Cando falamos de turismo accesible referímonos a diferenciación e competitividade dun destino. Neste sentido, Arousa Norte contempla produtos especializados en materia de turismo accesible para dous segmentos diferenciados: persoas con discapacidade visual e persoas con discapacidade auditiva. No caso da oferta para persoas xordas, permitiunos presentar a candidatura para un encontro estatal. Arousa Norte foi seleccionada para esta xuntanza, o cal favorece a proxección mediática posicionando o destino como a capital do turismo accesible en España para o 2015.