«A continuidade de estudos é a gran inquedanza do alumnado»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

miguel souto

As carreiras de medicina, fisioterapia e xornalismo son as máis solicitadas

22 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O seu despacho rexistra a cotío un constante ir e vir de alumnos e tamén de familias na procura dunha resposta ás dúbidas que se prantexan ao longo de todo un curso académico. A psicóloga e orientadora escolar Ana María Gulías Troitiño, natural de Soutelo de Montes, leva cinco anos no IES Laxeiro de Lalín mediando respecto de determinados conflitos e orientando aos rapaces respecto do seu futuro académico.

-Un centro que conta cunha matrícula de case 700 alumnos, polo que non será nada doado deseñar un organigrama de traballo...

-É un centro grande no que conflúen rapaces de ESO, bacharelato, ciclos, adultos... Cando cheguei aquí pensei que ía ser moi complicado pero é un instituto que funciona moi ben e no que, malia a ser tan grande, e contar con tanta diversidade non é conflitivo.

-¿Cales son os cometidos dun orientador escolar?

-Temos un montón de funcións. Á marxe do asesoramento propio en temas de estudos aos alumnos a as súas familias tamén traballamos directamente cos docentes en cuestións de tarefas de atención tutorial e artellando todas aquelas medidas precisas para que os rapaces pechen axeitadamente os cursos académicos. Brindamos información sobre becas, sobre as residencias existentes na comunidade e mesmo fóra cando os rapaces queren irse fóra, bolsas de verán, Erasmus... Aquí atendemos todo tipo de cuestións, moi diversas, pero que teñen un mesmo fío condutor e é o ensino. Por outra banda, todos os días se revisa tanto o DOG coma o BOE para ollar as ofertas que saen e informacións que lle poden interesar aos estudantes. O noso cometido é pois moi amplo.

-¿Cal é a principal inquedanza que move ao estudante que entra no seu despacho?

-A continuidade de estudos é a gran inquedanza do alumnado, pero non é o mesmo se falamos de rapaces que están a cursar a Ensinanza Secundaria Obrigatoria ou se nos centramos nos de Bacharelato. Os da ESO preguntan sobre todo respecto do que poden facer despois de cursar 4º. Por outra banda tamén se centra moito a atención naqueles rapaces que non estudan en demasía e se estuda a posibilidade de darlles reforzo. Nos de bacharelato aí, a maioría, indagan sobre a continuidade de estudos e moitos veñen a preguntar -así o fixeron días atrás- sobre os exames da selectividade. Outra das cuestións que os preocupa son as carreiras universitarias, as becas, residencias e as saídas profesionais que se lles poden presentar. Cando falamos dos alumnos dos ciclos aí normalmente son perfectamente coñecedores da oferta que existe .

-Á hora de fixarse unha meta universitaria, ¿cales son carreiras que prefiren?

-A gran maioría ten en mente algunha carreira vencellada coas ciencias da saúde: medicina, fisioterapia e enfermería. Xornalismo e educación infantil e primaria tamén ten demanda. Acceder a elas dependerá das notas claro.

ana maría gulías troitiño orientadora escolar no ies laxeiro

«Centramos tamén a atención nos rapaces aos que lles hai que dar reforzo»

«Malia a ser un centro con preto de 700 alumnos non

é conflitivo e funciona ben»