Esta noite fai o que todos fan

Silvia Díaz

FIRMAS

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Afesta de san Xoán é unha das festas máis ricas en lendas, supersticións e costumes da nosa cultura. Nesa noite, que coincide cos días máis longos do ano e as noites máis curtas, vívense con intensidade rituais de fondas raíces que o noso pobo ven repetindo cada ano xeración tras xeración: preparar as herbas de san Xoán, as sardiñas asadas, andar ás cancelas... pero de entre todas elas, o elemento imprescindible desta noite é o lume. Sen dúbida, o símbolo da noite de san Xoán é a fogueira, que se prende ás doce da noite para marcar o cambio de estación, e que se salta -sempre un número impar de veces- para escorrentar o meigallo. Como di a nosa tradición oral: «salto por riba do lume de san Xoán, para que non me morda cadela nin can».

No Concello de Poio, sendo o noso patrón san Xoán, esta festividade é a máis destacada do ano. Desenvólvese un extenso programa de actividades deportivas, socio culturais e de festexos durante todo o mes: o pregón das festas no balcón da casa consistorial e o recoñecemento aos deportistas destacados do ano, a recollida de herbas de san Xoán, a inauguración da mostra de canteiros, o certame de corais polifónicas no Mosteiro, o san Xoán trouleiro, a gran sardiñada na Seca, as alboradas de música tradicional e as noites de verbena...

Pero ademais, a noite de san Xoán é a máis celebrada en todo o municipio. Na medianoite do 23 de xuño, ao redor de duascentas fogueiras acéndense simultaneamente en todas as parroquias e lugares de Poio, para que o lume leve todo o malo e conxure a protección na noite do solsticio de verán. As asociacións e grupos de veciños e amigos, co traballo común e a colaboración de todos, organizan fogueiras colectivas, onde os ingredientes básicos son o lume, as sardiñas, o viño e o pan de millo, e por suposto a ledicia dun pobo que sabe vivir e gozar do seu entorno.

Por iso, e como di o refrán, «na noite de San Xoán, fai o que todos fan»: xuntarse cos amigos, saltar a fogueira, comer unha sardiña que pingue o pan... E se esta noite a queredes vivir en Poio, recibirémosvos, coma sempre, cos brazos abertos.