O coche ía moi lento, polo menos para min. Estaba impaciente de que xa chegaramos ao Club Hípico dos Equinos.
Sabía como era: adestraban aos xinetes e amazonas para que puidesen participar en concursos de hípica. Eu montaba había dous anos e acumulei un gran cariño e amor polos cabalos.
Meus pais leváronme ao despacho da directora, despedinme deles e explicoume as principais normas, que eran:
1. Non montar outro cabalo que non se me asignase.
2. Non maltratar a ningún cabalo.
3. Coidar sempre, día a día, do teu cabalo.
Preguntei que cabalo me ía tocar. A directora levoume ao cortello, onde me ensinou a Lóstrego. Era un cabalo árabe moi fraco e máis pequeno cós demais, dunha cor que parecía vermello escuro; unha mestura de marrón claro, con negro e branco... Era o cabalo máis bonito que vira na miña vida. Deille mil grazas á directora por asignarmo. Ela díxome que, primeiro, ía aprender todo o que non soubese dos cabalos, e que logo comezaría a ensinarme a galopar.
E así foi. Na terceira semana, xa estaba galopando polo campo xunto a Lóstrego. De verdade quería ese cabalo. Ata lle gañei a unha amiga que estaba dous cursos por riba.
Na cuarta semana, a directora informoume de que ía haber unha pequena cabalgata na honra dos cen anos dese club. Díxome que eu ía dirixila. Pero ocorreu o indesexable. Uns días antes, nun adestramento, Lóstrego rompeu unha pata... e era grave.
A directora chamou pola veterinaria, que veu o máis rápido que puido. Asegurounos que para o día da cabalgata non ía recuperarse.
Empecei a chorar a cántaros. Lóstrego debeu de darse conta pois fixo un gran esforzo para levantarse e consolarme.
Senteime e abracei a Lóstrego con todas as miñas forzas, que nese momento eran poucas. A directora consoloume e mandou que trasladasen a Lóstrego á Sala dos Enfermos.
Soamente quedaban dúas horas para a cabalgata. Vestinme por se acaso pasaba algún milagre, e así foi; medio minuto antes de que comezase, Lóstrego galopou rapidamente cara a min. Eu deille unha aperta moi grande e subín nel. Dirixíame á cabalgata pero deime de conta de que Lóstrego aínda coxeaba e que estaba facendo un grandísimo esforzo por min. Esa mostra de gran afecto devolvinlla cunha mostra de amor, cariño e, sobre todo, respecto. Parei o cabalo e díxenlle á directora que se fosen sen min. Fóronse e quedei soa con Lóstrego. Murmureille o moito que lle quería e el deu un doce, doce relincho.
E esta é a miña historia, a historia dun cabalo que enfermou.
Adriana Iglesias Martínez Estuda segundo da ESO no IES Santo Alberte (Noia)