O maio que nós queremos

José Luís Ferro PRESIDENTE DA FUNDACIÓN C. ENRÍQUEZ

FIRMAS

08 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai agora dez anos, o meu predecesor no cargo, Antonio Mouriño, con motivo da transformación do padroado na Fundación Curros Enríquez, fixo unha ambiciosa proposición que naquel momento puido soar a horizonte inalcanzable e que hoxe, todos os que formamos parte do proxecto da Casa dos Poetas, podemos ver un pouco máis cerca. «O noso obxectivo é que ningún alumno galego acabe a súa etapa escolar sen coñecer a Casa dos Poetas», dixo Mouriño daquela. E, «mainiña, mainiñamente» (como diría Curros), os números van cantando e facendo bo aquel soño colectivo expresado no mesmo intre de abrir a porta da Casa dos Poetas á colectividade galega. ¿Mantense vixente a figura de Curros?, cabería preguntarse. Pois ben, remitíndonos ós datos eu quero dicir orgullosamente que si. Porque os datos din que dende o 2006 en que se empezou a divulgar o programa «Ven coñecer a Celanova de Curros», máis alá de visitas ligadas ó turismo cultural ou ó turismo familiar, exposicións, presentacións de libros, pequenos concertos, representacións, etc., etc., teñen pisado as pedras da «Calle Arriba» un total de 16.540 estudantes galegos de nada máis e nada menos ca 377 centros escolares. É certo que algúns repiten, cousa que agradecemos coa entrega dun diploma pola súa fidelidade con Curros, a aqueles que cobren un ciclo de cinco anos achegando ós seus alumnos a Celanova. ¿E manterase vixente a figura de Curros? Pois si. Porque cada un deses nenos que veñen á vila, volverán algún día cos seus fillos para presumir de que nun recanto recitaron «Unha boda en Einibó» ou chegaron a ter nas mans a pequeniña Virxe do Cristal.

E isto e sementar para o futuro, ven a ser o mesmo. E entón, «chegado habrá entonces / o maio que nós queremos», que diría o poeta.