A derradeira viaxe

MARÍA XESÚS BLANCO

FIRMAS

O derradeiro libro de Emma Olsen (Editorial Galaxia, 2013), obra galardoada hai uns meses co Premio Repsol de Narrativa Breve e co Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013, é unha intrigante novela da escritora Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987).

A autora, que acumula outras obras e galardóns, artella unha historia conmovedora ambientada nunha vila singular en Dakota do Sur, á que regresa a escritora protagonista do libro coa súa filla de dezasete anos. Esta personaxe, unha muller enferma a quen lle queda pouco tempo de vida, decide volver ao contorno que a viu nacer, á casa familiar onde transcorreu a súa infancia e adolescencia. E é neste lugar onde o lector se verá mergullado nun relato autobiográfico anegado de emocións e vivencias que necesitan saír á luz despois de moitos anos para liberar a conciencia da protagonista dun segredo que cambiaría a súa vida para sempre.

Berta Dávila crea, deste xeito, unha atmosfera inquedante na que temas como a descuberta do amor, a amizade, a morte ou a relación entre e a vida e a literatura asentan o fío dunha narración intensa na que as palabras afondan e precisan dun xeito extraordinario o que acontece a uns personaxes nun momento da vida tan determinante como é a adolescencia.

«O derradeiro libro de Emma Olsen»

Berta Dávila; Galaxia, 2013 (Santiago). 124 páxinas