«Considero necesaria a supresión das deputacións»

xoán r. alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

FIRMAS

alvite

Ocupa un escano no ente coruñés desde o 23 de marzo

03 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde o pasado día 28 de marzo, o mazaricano Juan José Blanco ocupa o escano que deixou vacante o pobrense Xosé Lois Piñeiro na Deputación da Coruña. Di afrontar o ano e medio que queda do actual mandato provincial con moita ilusión e gañas de defender os intereses da comarca.

-¿Como afronta este novo reto na súa carreira política?

-Con moitísima ilusión e ganas de traballar. Agardo poder aportar cousas e estar á altura do fantástico equipo de traballo que o BNG ten actualmente na Deputación.

-¿Xa ten definidas cales serán as súas tarefas?

-Como apenas hai unha semana que tomei posesión, estamos aínda axustando as áreas ou tarefas concretas. Podo adiantar que ademais de ser o representante da comarca barbancesa, estarei adscrito ás comisións de benestar social, cultura, promoción económica e á de cooperación e asistencia a concellos.

-¿Aínda se poden facer cousas desde a oposición no ano escaso que falta ata as vindeiras eleccións?

-Si claro, estou convencido de que se poden facer moitas cousas neste tempo que queda. A comarca ten que estar representada e aínda queda máis de un ano de traballo por diante, no que debemos de velar polos intereses da nosa xente. Dende o BNG seguiremos demostrando que estamos sempre presentes á hora de defender aos cidadáns e apoiando que non se tomen decisións políticas sen ter en conta as necesidades das persoas.

-¿Ten decidido volver a presentarse aos vindeiros comicios?

-Aínda queda por diante un ano. En principio, o meu compromiso cos compañeiros é o de rematar o actual mandato como portavoz do grupo do BNG no pleno de Mazaricos e nesta nova tarefa na Deputación. Falar das eleccións é aventurarse, posto que nin a nivel de partido nin a nivel persoal hai nada decidido. O importante é que todos os veciños da comarca deben saber que nos próximos 14 meses estarei ao seu dispor.

-A súa formación sempre foi partidaria de suprimir os entes provinciais, ¿comparte esta opinión?

-Por suposto que si, máis que nunca neste momento no que as políticas de austeridade levadas a cabo polo goberno actual afectan dun xeito tan duro aos cidadáns e, maiormente, ás clases máis desfavorecidas. Considero necesaria a supresión das deputacións en beneficio dos concellos e comunidades, que asumirían as súas competencias reducindo un gasto innecesario e facendo así institucións máis próximas aos cidadáns e auténticos entes representativos dos intereses locais.

-¿Cales son as principais carencias que ten a comarca?

-Son moitas e diversas e, lonxe de tender a mellorar, parece que a situación vai seguir empeorando coas equivocadas políticas de austeridade que puxo en marcha o goberno. Existe unha evidente perda de servizos na comarca que seguirá medrando de forma exponencial como non se poña freo ás reformas ideadas desde Madrid e que poñen en serio perigo o mantemento de servizos básicos como a educación, a sanidade ou as axudas ao emprego. Por non falar do noso principal problema estrutural que, ao meu entender, segue a ser o despoboamento.

-¿Pensa que se pode cambiar a tendencia negativa que segue a comarca neste eido?

-Temos que traballar para conseguilo. Os concellos pequenos e rurais vanse despoboando por falla de emprego e servizos. Nestes aspectos hai que incidir con plans que busquen a fixación de poboación rural. Temos que frear o despoboamento e o envellecemento da poboación de xeito inminente porque, do contrario, corremos o risco de desaparecer. O futuro da nosa comarca, o noso e o dos nosos fillos é inestable e con pouca perspectiva de futuro.

juan josé blanco riveiro deputado provincial do bng