Libro colectivo

Francisco Ant. Vidal< / span> LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

16 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Entendemos por libro colectivo aquel no que colaboran varios autores, tanto de creación literaria como de análise social, político ou económico para expoñer distintos puntos de vista; e entre os que me veñen á memoria está aquel famoso libro que na Transición lle encargou o Banco Bilbao a varias personalidades galegas para analizar a situación de Galicia cara os novos tempos que se aveciñaban, pero como os artigos alí publicados non eran do gusto do banco, a obra foi condenada á fogueira (literalmente segundo a prensa da época). A min mesmo, daquela, censuráronme un artigo no que comparaba tal actitude coa Inquisición, máis o libro, a pesar de todo, circulou clandestinamente en forma de tocho de fotocopias.

Hai varios libros colectivos no mercado que nos permiten ver as diferentes opinións ou puntos de vista sobre determinados temas ou actividades tanto de ciencias como de letras, pero tamén os hai exclusivamente literarios, onde distintos escritores coinciden cos seus contos aínda que non o fagan na maneira de desenrolar ou de enfocar o tema. A vantaxe dun libro colectivo é que nos permite unha visión máis ampla, un choque de ideas, opinións e argumentos, mais o difícil é expoñer todo ese conxunto de criterios no que sempre se entendeu por obra uniforme, tal un poema, como facían os surrealistas, en que cada un escribía un verso sen ver o do anterior e entre todos o poema, a maioría das veces caótico. O mesmo sucede cando se quere usar este método na novela, onde (salvo raras e contadas excepcións) estamos acostumados a seguir un argumento ou tema, apartando mans dispares, con distintas técnicas e teorías que trazan diverxentes camiños.

A principios da década dos oitenta, o escritor Martínez Oca tivo a idea de experimentar estas vías de creación invitando a varios escritores a facer unha novela colectiva, algo, ó menos en Galicia, totalmente novidoso, en que a partir dun primeiro capítulo os distintos autores irían engadindo un novo a aquel libro, percorrendo o grupo ata volver ó primeiro membro do mesmo. Cada un levaría a historia segundo o seu gusto e criterio, unhas veces desviándoa e outras profundando naquilo que o anterior autor tiña pensado, enchendo os camiños narrativos de voltas, costas e túneles que tanto podían enriquecer a obra como complicala. A dificultade, por suposto, estaba en que distintos puntos de vista habían de confluír nun mesmo tema. Ó final a novela ficou inacabada.

Agora unha idea parecida acaba de aparecer gracias á maxia de internet. Trátase da páxina electrónica Glosobook, baseada na convicción de que toda persoa ten algo que contar, e calquera pode participar a partir dun capítulo inicial. Un bo campo de experimentación literaria, de feito, segundo teño entendido, incluso quen queira pode inaugurar algunha novela escribindo o primeiro capítulo para que outros a continúen. Logo os lectores escollen por votación os mellores capítulos para seguir a historia segundo o gusto da maioría. Agora que, se ben isto é un exercicio interesante, tamén cabe preguntarse se é literatura ou xogo.

Do que si podemos estar seguros é de que será un proxecto con moitos participantes, tendo en conta que escribir converteuse nunha actividade que gaña adeptos cada día, pero non creo que o sistema acade a excelencia que a literatura esixe, aínda que si pode conquistar lectores coma calquera best seller. Agardemos ata ver que pasa.