P or fin aparece o sol na nosa cidade, pónsenos corpo de primavera e parece que chega o amor, mesmo na política municipal, pero xa di o refrán que hai amores que matan. Por se a alguén se lle ocorre interpretar esta frase como unha frivolización da violencia de xénero, xa quero aclarar que nada máis lonxe da miña intención, trátase máis ben dunha escusa para lembrar que na semana do 8 de marzo xa levamos tres mulleres asasinadas no Estado español, catorce no que vai de ano, e que, segundo o último barómetro do CIS, a violencia machista, que nada ten que ver co amor, ocupa o posto 17 na preocupación da cidadanía. Dito isto, parece evidente que a moi cordial relación entre o PSOE e o PP no Concello de Vigo non é unha historia de amor, trátase máis ben dunha unión temporal de intereses.
Hai meses que é evidente o seu achegamento, acadando acordos para tomar decisións prexudiciais para a maioría da cidadanía. Mentres a xente pide axudas no Concello, sen recibilas, para comer e vestir, apróbase a amortización anticipada da débeda cos bancos. Teoricamente, os xuros que se aforrasen ían dedicarse a gasto social pero no canto de subvencionar o billete de autobús para as persoas desempregadas, subvenciónanse billetes de avión. Este achegamento materialízase agora nun máis que posible acordo sobre os orzamentos municipais deste ano que, tal e como executou e modificou o goberno local os orzamentos de 2013, co apoio do PP, van estabelecer como prioridades calquera cousa menos a atención as necesidades da cidadanía.
Ata o de agora non oímos a ningún dos dous partidos poñer enriba da mesa unha solución á terríbel situación de Sereos para chegar a un acordo, pero si que se vendan 40 pisos de propiedade municipal ou que paguemos os vigueses e as vigueses as acometidas dun hospital privatizado que vai supoñer maiores recortes nos servizos sanitarios da nosa área. Logo de anos de proxectos paralizados polo eterno enfrontamento do alcalde con todas as administracións, de súpeto este goberno ten máis capacidade de diálogo que ninguén. E dialoga co partido que leva estes anos pretendendo que esta cidade, cada vez máis castigada polo goberno da Xunta, pague as competencias que o PP non quere asumir. Un pacto electoralista moi parecido a ese pacto de silencio que manteñen os dous partidos, xa fóra do eido municipal, en cuestións como o accidente do Alvia ou a xudicialización da vida política.
Vainos custar caro. iso si, como sempre, a algúns (a maioría) máis que a outros.