Potota Oro Claro foi profesora de Xabier Varela (Allariz, 1970) no daquela Instituto bivalente da vila pero, antes diso, foi amiga da familia e unha marchante vocacional. A súa primeira compra foron dúas acuarelas que Xabier pintara con 5 anos. «Lémbroo ben -ri o artista- porque lle puxen prezo, 30 e 75 pesetas, e, como eran as festas de S. Bieito, o meu irmán Jorge e máis eu fúmolos gastar ó tiovivo. Foi o meu primeiro soldo».
En Xabier Varela todo foi precoz na arte, talvez pola pegada, aínda que pasiva e distante, do seu pai, o acuarelista Varela Guillot. O pequeno Xabier tentaba copialo todo del, memorizaba os motivos que escollía, grababa o seu estilo e despois buscaba reproducilo. Foron os primeiros pasos. Con 14 anos expuxo no Liceo e no Ateneo e empezou a vender obra con certa confianza; empezou a forxarse como artista.
«Nesa época eu traballaba nun instituto en Santiago e os meus compañeiros facíanme tantos encargos que marchaba no autobús todas as fins de semana cargada con varios cadros», rememora Potota Oro.
Pouco despois chegou ó instituto de Allariz e atopouse a Xabier como alumno: «Cando o vin na aula levei unha alegría e co tempo aprendín a valoralo máis porque, sabendo como sabía eu o que el valía, sempre se mostrou sumamente tímido, nunca quixo ocupar un primeiro plano. Para min é unha virtude moi grande. Á hora de facer traballos demostroume, ademais, que era un alumno incrible. Fixo un comic sobre a prehistoria que non era un simple traballo para subir nota, era unha obra de arte, en calidade e en tempo e esforzo dedicado».
Dándolle a razón á súa mestra de Xeografía, Historia e Arte, Varela réstalle importancia ó comentario: «O que pasa é que estudar nunca me gustou moito e, entón, calquera vía de escape que me daban aproveitábaa».
«Hai que recoñecer -engade- que Potota era un estímulo como profesora e para min foino xa antes e tamén despois. Cando montei o primeiro taller, ela animoume moitísimo, un pouco é como unha mecenas».
Aquel primeiro taller forma parte das lembranzas do instituto. A el escapaban Potota e a súa compañeira Loli Outeiriño nas horas libres para ver o que Xabier pintaba: «En vez de tomar café íamos alí e mercabamos a obra antes de rematala, sabiamos que o final nos ía convencer».
Das clases, Xabier quédase coa Xeometría en Matemáticas e coas ilustracións para as clases de Galego: «Se daquela existise un bacharelato de Artes, eu iría por aí». Recoñécese como «mal estudante» e recibe de inmediato o matiz de Potota: «Pero ninguén lle regalou ningún aprobado, o que necesitaba era motivación. Era un alumno moi traballador e colaborador en actividades, pero que estudaba o xusto para aprobar. Eu sempre o envexei porque é o que eu non son: a calma, a tranquilidade».
«Potota era imprevisible -retruca Varela-, había que estar á expectativa; era como unha pila moi cargada e iso non sempre se leva ben. Ás veces teño momentos nos que me teño que recoller e cargar a pila e ela é unha personalidade con forza, non te deixa indiferente, obriga a decantarse: ou fas ou non fas».
xabier varela barrio e potota oro claro