Un dramaturgo malogrado

PASTOR RODRÍGUEZ

FIRMAS

Nado en Noia en 1957, en Couto, Ramón Blanco comezou dedicándose á música, para logo interesarse polo teatro, labor que cultivou en Vilaboa (Culleredo) onde foi un dos fundadores do grupo teatral Maiolongo, co que estreou a súa primeira peza teatral, Camiñar a cegas en 1976, unha peza algo pexada polo moralismo na que trata con forte carga social o problema do alcoholismo, que voltou a representarse aínda en 1978 e que tamén subiu ás táboas en Ferrol, Santiago, A Coruña, Noia e Pontedeume. Trátase dunha obra breve en tres actos, onde constrúe unha personaxe ben lograda, Xanuco, un home bébedo e derrotado. A peza editouna en 1990 Carlos Pereira Martínez, pois o autor falecera xa en 1986. En 1977 fixo a estrea doutra obra, O día que o sol alumeou pola noite, onde trata o problema da emigración e do caciquismo, na liña do teatro social da época. Aínda deixou o esbozo doutra peza, A cinza, reescrita por Pereira Martínez, na que facía unha incursión no teatro do absurdo. Blanco Rei foi tamén actor, pois traballou no grupo noiés Candea, nas obras de Pepe Agrelo Noite de lobos e O mestre. Interesado logo polo teatro de bonecos, abandonou cedo a actividade teatral.