Destacou no Conservatorio Profesional o interese da música desas poesías medievais, descuberta hai cen anos
06 feb 2014 . Actualizado a las 06:00 h.En febreiro de 1914 un comerciante de libros antigos, Pedro Vindel, informou dun pergamiño coas sete cantigas do poeta medieval galego Martim Codax, que incluía a música de seis. É coñecido como Pergamiño Vindel. O Conservatorio Profesional de Música celebrou onte o centenario dese acontecemento: organizou un concerto, con especialistas en música medieval e unha conferencia de José Antonio Souto, prestixioso investigador de lingua e literatura medieval da USC.
-¿Por que ten importancia a música das cantigas de Martim Codax?
-Ten importancia, con certeza, por ser unha das dúas mostras musicais da lírica profana galego-portuguesa, xunto co Pergamiño Sharrer, que contén cantigas de amor do rei D. Dinis. Da lírica relixiosa están as Cantigas de Santa María, unhas 400.
-¿Por que hai tanta diferenza?
-As Cantigas de Santa Maria, ao estaren relacionadas co rei Alfonso X, foron ben conservadas no Escorial, hai manuscritos orixinais. Teñen un enorme valor artístico. Diversos estudosos relacionaron a música das cantigas relixiosas e a das profanas. Tamén se encontran conexións entre as cantigas de Martim Codax e as de Bernal de Bonaval, que era de Compostela.
-¿Que foi do Pergamiño Vindel?
-Vindel localizou o pergamiño como parte dunha encadernación, do século XVIII, dun exemplar de De Officiis, unha obra filosófica de Cicerón. Após diversas vicisitudes, no século pasado ese pergamiño foi adquirido pola Pierpont Morgan Library, dos Estados Unidos, onde se conserva. Foi pena que non se comprase polo Goberno para que permanecese aquí.
-¿Teñen interese as cantigas de Martim Codax para un lector de hoxe?
-Si, para un lector de hoxe as cantigas de Martim Codax teñen un valor poético moi alto, son uns textos moi suxestivos. Debería ser aproveitado este centenario da descuberta da súa música para promover mais o coñecemento da lírica medieval galego-portuguesa no noso país.
JOSÉ ANTONIO SOUTO PROFESOR DA USC