«Que baixou o consumo de pan? Nós subimos o 13 %»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

FIRMAS

Santi M. Amil

A indicación xeográfica acadou un recoñecemento dos Premios de Gastronomía de Galicia, que se entregarán o 21

22 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea foi quen de facerse cun recoñecemento dos Premios de Gastronomía de Galicia por ser a entidade que máis contribuiu á promoción da nosa gastronomía. Un premio que é, a xuizo do presidente do consello Carlos Rodríguez, «unha honra máis grande se cabe polo feito de que veña dende unha zona na que abundan os panadeiros, e no que se fai un bo pan. Este recoñecemento nos esixe a facer máis esforzos no día a día».

-Un consello regulador no que desenvolven a cultura do pan...

-A cultura do pan, a tradición que nos deixaron os nos antepasados mantendo ese marchamo de calidade que ten a elaboración do Pan de Cea con produtos auténticos da zona, usando o 75 % de trigo do país e o 25 % de fariña de fábrica de alta calidade. Mantemos esa tradición e dámola a coñecer non só na nosa comunidade senón que o Pan de Cea está hoxe espallado por todo o territorio. Ten presenza no País Vasco, Cataluña, Valencia, Extremadura, Castela-León, Asturias, Valencia, Madrid. Dende o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida promocionamos o noso produto a través da consellería de Medio Rural en feiras para dar a coñecer o noso pan.

-Segundo algúns informes coa chegada da crise se está apreciando un descenso no consumo de pan, ¿se pode aplicar esta afirmación ao Pan de Cea?

-Que baixou o consumo de pan? Nós subimos o 13 % a produción. Son datos que corresponden ao primeiro trimestre do ano pasado e a falta de coñecer os do segundo semestre. Ao mes saen do consello regulador 100.000 pezas de pan, o que ven a significar unhas 3 ou 4.000 pezas de pan diarias. A verdade é que a nós non nos afectou para nada o descenso de consumo de pan. De feito no primeiro trimestre do pasado exercicio elaboramos un total de 48.480 pezas de pan.

-Vamos que non teñen que competir coas «baguettes»...

-Sinceramente non teño nada en contra das baguettes e hai xente que as merca e as consume pero tendo no país un pan de tanta calidade penso que é unha mágoa decantarse por ese tipo de produto.

-Que retos se prantexan para este novo exercicio?

-Incrementar a proxeción do Pan de Cea, tanto dentro coma fóra da comunidade. Tentaremos tamén inculcarlles aos nosos consumidores de aquí, aos galegos, que posuimos un produto artesanal dunha calidade extraordinaria e que mesmo están a valorar máis os de fóra que nós mesmos. Son moitos os restaurantes e as tendas que piden o noso pan e aquí, a veces, custa introducilo.

carlos rodríguez presidente do consello do pan de cea