«Case deixo o soldo dun ano de «Padre Casares» en multas»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

M. MARRAS

A compostelá chega ao Principal con «Problemas de circulación»

09 ene 2014 . Actualizado a las 09:37 h.

Patricia Vázquez regresa ao teatro no que deu a súa primeira función dentro do ciclo Falabaratos. A compostelá aporta o punto de vista feminino no Principal, as 21 horas, nunha nova sesión de Noites de Retranca.

-Chega co monólogo «Problemas circulatorios», ¿que conta?

-Eu non son moito de poñer títulos aos monólogos porque, dependendo do día e do público que vexa, podo cambialo sobre a marcha. Neste caso, como o nome indica, falo dos meus problemas coa circulación e cos corpos de seguridade do Estado.

-¿Que clase de problemas?

-Pois creo que os de todo o mundo... Basicamente, quédanme só dous puntos no carné. Estiven catorce ou dezaseis anos sen ter unha multa e, nun ano, quedei practicamente sen puntos. Vivo en Santiago e traballo en A Coruña e, por aforrar, ocorréuseme facer o traxecto pola estrada. O resultado foi que case deixo o soldo desta tempada de Padre Casares nas multas da Dirección Xeral de Tráfico.

-¿Que lle supón actuar na casa e facer o papel dunha mesma?

-O de facer papel dunha mesma é fantástico porque vas sen flotador e tíraste a piñón libre. E o de actuar na casa é unha gozada. O Principal ademais foi o teatro onde comecei. Fai moito que non traballo nel, porque teño aparcada a actuación en teatros, pero o contacto directo co público é algo que un sempre bota de menos. Os monólogos son unha forma de traballo distinto distinto do teatro escrito; é algo que fago eu e que podo cambiar sobre a marcha.

-¿Déixase levar moito pola improvisación?

-Absolutamente. Son moito de improvisar dependendo un pouco do público que vexa. Tes un contacto directo con el e estache falando durante a función. O que transmite o público fai medrar, ou non, o monólogo.

-É coñecida polo seu labor en varias compañías e en series como «Mareas Vivas» ou «Padre Casares». ¿Séntese máis cómoda no drama ou na comedia?

-Síntome máis cómoda na comedia, aínda que facer rir non é tan doado. A proba está en que moitos intentan traballar na comedia e non todo o mundo o consegue. En todo caso, o drama de vez en cando tamén está ben; se es feliz todo o tempo nunca recoñeces a felicidade.

-Comparte esceario con Isi, co que leva xa tempo traballando...

-Levamos facendo monólogos dende hai cerca de dous anos. Cada un co seu monólogo, sen interactuar, pero penso que nos complementamos ben. Isi ademais ten moitísima graza, levo dous anos escoitando as súas historias e non hai noite que non me faga rir.

Patricia Vázquez actriz