Un asceta na Pobra

PASTOR RODRÍGUEZ

FIRMAS

13 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ignoramos o lugar de nacemento de Juan Nieto, pero foi varios anos superior do convento de Santo Antonio da Pobra, un convento que tamén produciu outros homes ilustres como Frei Alonso del Espinar, quen en 1502 acompañou a Nicolás de Ovando ás Indias, converténdose así no primeiro misioneiro galego en terras americanas e nun home fundamental na redacción das Leis de Indias, pero que fora superior na Pobra en 1499; ou Alonso Muñoz, misioneiro franciscano que en 1592 residía en Santo Antonio, pero que logo pasou a Filipinas e Xapón, morrendo en San Diego de México en 1620; sábese que escribiu unhas relacións sobre Xapón, pero que non se conservaron. O Padre Nieto foi un escritor ascético de moito éxito no século XVII, seguidor da doutrina de San Boaventura, moi coñecido pola súa Cartilla de educación para los novicios que toman el hábito de N. P. S. Francisco en esta provincia de Santiago, que se editou en Salamanca antes de 1683, pero da que só se conservan edicións de 1697, 1715, 1739, 1784 e 1823. A outra obra que escribiu foi aínda máis popular que a primeira, editada en 1683 tamén en Salamanca co título Alibio (sic) de sacerdotes, da que se coñecen unhas 25 edicións, máis xa co título Manojito de flores cuya fragancia descifra los misterios del oficio divino y misa, da esfuerzo a los moribundos, enseña a seguir a Cristo y ofrece seguras armas para hacer guerra al demonio, ahuyentar las tempestades y todo animal nocivo, con otras curiosidades que se hallarán en la tabla que va al fin. Moi esquecido dende 1850, foi reivindicado en 1931 polo Padre Francisco Quecedo, quen estudou a súa obra e a do Padre Buenaventura Tellado.