«Conciliación é unha palabra moi fermosa que inventaron»

Nacho Mirás Fole

FIRMAS

Yolanda Periscal, nai de familia numerosa, demostra que sobrevivir á costa de setembro non é mérito de ningunha Administración

07 oct 2013 . Actualizado a las 09:18 h.

«En Nadal un gasta en función do que ten; en setembro tes que gastar si ou si». Yolanda Periscal Martínez (Carballo, 1975) e o seu home, José Manuel Mouro Gerpe, representan a unha de tantas familias galegas que veñen de escalar a pendente máis pronunciada do ano. Carolina, de nove anos, e os xemelgos Ricardo e Joaquín, de oito, son o centro dun universo doméstico que, seguro, vostede, lector, atopará moi familiar.

-¿Falamos de conciliación?

-¡Conciliación! É unha palabra moi fermosa que inventaron, pero no mundo no que eu vivo iso non existe. Temos que dar grazas aos meus pais, que sempre están aí.

-¿Como saíron do follón económico de setembro?

-Aínda bo é que conseguimos chegar. Como familia numerosa recibimos un cheque familiar de 170 euros por neno, é unha axuda. José Manuel, que é albanel, pasou case todo o ano pasado na casa, en paro. E eu, que son administrativa, sete meses. Houbo anos nos que aforrabamos; agora non. Cos cheques familiares do ano pasado non nos deu para o material escolar, houbo que poñer. Desta vez aproveitamos moito material do ano pasado, colores, cadernos enteiros... No cole non puxeron problemas.

-¿O título de familia numerosa serve para algo?

-¿Realmente? Non. O cheque escolar unicamente, pero pouco máis.

-¿Tocoulles a suba do comedor escolar?

-É o primeiro ano que van, antes non os levaba porque non podía pagar os cento e pico euros que custaba cada neno. Así que botaba man dos avós, Maruja e Ricardo. Este ano, ao pasar a xestión á Xunta, vanme cobrar menos, por iso me animei. Aínda así, con familia numerosa e todo, só me concederon dous días de comedor, martes e xoves. O resto dos días, se teñen actividades á tarde, hai que buscarse a vida. Se me dá tempo preparo comida o día anterior para quentala cando chego. Tamén uso desas potas máxicas que se programan.

-De ampliar a familia aínda máis nin falamos, claro...

-Pola miña parte, non. Hai un tempo non me tería importado. Pero a vida cambiounos completamente cando viñeron dous nenos xuntos. Co primeiro fillo consegues adaptarte ao neno; co segundo xa toca compaxinar rutinas e iso complícase con dous á vez.

-Algún político deses aos que se lles enche a boca coa conciliación podía pasar unha semana na súa casa, a pé de obra...

-Sorpréndenme moito os que teñen un fillo só e xa están estresadísimos. ¡Como faremos os demais!

-Saíron bos, xa se lles ve...

-Moi bos, pero moi activos. Os nenos precisan gastar esa enerxía que teñen, moverse, saír, non estar pechados na casa. Hai que botarlle moita imaxinación para conseguilo.

-Caprichos, os xustos...

-O mínimo. Acabouse iso de que cada familiar os encha de regalos. Comprendo que a familia o fai con ilusión, pero cando te dás conta de que o que máis agradecen é collerse da man e dar voltas derredor ata quedar mareados, tanto xoguete e tanta parafernalia non son necesarios. Pasa coas novas tecnoloxías. Quedan idiotizados se están todo o día no videoxogo. Na casa está moi regulado. Hai que darlle máis á cabeza e menos á tecnoloxía, é a miña opinión. E é importante poñer normas e hábitos de convivencia agora que son pequenos. Pero o oficio máis difícil é o de ser pai e nai; nunca sabes se acertas.

nacho.miras@lavoz.es