«O PXOM é vítima dos cálculos electorais do BNG e do PP»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

Antón Louro repasou para La Voz o escenario urbanístico da cidade en plena crise do sector.
Antón Louro repasou para La Voz o escenario urbanístico da cidade en plena crise do sector. Capotillo< / span>

Louro non renuncia a avanzar na elaboración do plan neste mandato

06 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

antón louro goyanes tenente de alcalde responsable de urbanismo

Antón Louro (Carnota. 1952) leva moitos anos na política pero ata este mandato nunca tivera responsabilidades no eido do Urbanismo. Como tenente de alcalde, o socialista está a vivir de primeira man a crise no sector da construción.

-¿Que é o que está a suceder en Pontevedra, onde caducan máis licencias das que se conceden?

-En Pontevedra, en Galicia e no conxunto do Estado. É evidente que estamos nunha situación complicada, marcada pola crise económica. Os bancos non dan créditos e os promotores se atopan con que non poden facer fronte aos pagos. Non é unha situación exclusiva de Pontevedra, aínda que nos preocupa. No que vai de ano teñen caducado once licencias.

-Hai moitas máis que teñen incoados xa expedientes de caducidade.

-Seguramente. Pero teña vostede en conta que estamos nunha situación crítica. Pontevedra pasou de edificar unhas mil vivendas ao ano a moi poucas.

-¿Que lle piden os promotores ao tenente de alcalde responsable de Urbanismo?

-O que piden os promotores é que os bancos abran o billa do préstamo.

-Pero iso non llo pedirán a vostede.

-Claro que non. Piden máis flexibilidade, e niso estamos a traballar. Hai certos aspectos da Administración no que penso que podemos axudar. Dar unha marxe aos construtores e promotores, especialmente có ICIO [Imposto de Construción Obras e Servizos], que supón o pago previo do 3,2 % do custe da obra, para evitar eses expedientes de caducidade que, hoxe por hoxe, ábrense de oficio cando pasa o prazo legal para pagar o imposto.

-¿Qué máis está a facer o Concello?

-Pois facemos o que podemos. Dende que eu teño responsabilidades estamos a tomar certas iniciativas. Por exemplo, din orde de axilizar a maquinaria municipal. Que non se perdan os papeis polos pasillos do Concello, que non tarden semanas os expedientes en pasar dun departamento a outro. E temos aprobada unha ordenanza de simplificación administrativa para beneficiar aos emprendedores.

-Non podemos falar do urbanismo en Pontevedra sen citar o PXOM.

-Ter un novo PXOM é prioritario para o PSOE, e así o recollimos no noso programa electoral, e tamén o incluímos expresamente no pacto de goberno asinado có BNG. ¿Por que? Porque un plan de urbanismo é a alma dun proxecto de cidade. O PXOM é o que marca o ancho das beirarrúas e das calzadas, o que fixa o crecemento urbano, o que establece os sistemas xerais de comunicacións, o que reserva espazo para solo loxístico, industrial e comercial... Pontevedra non pode seguir sen ter un plan novo.

-Todo iso está moi ben, pero é a teoría. Na práctica, ¿que é o que está a pasar?

-Mire vostede: Pontevedra leva anos improvisando. Levar feitas máis de 40 modificacións puntuais do PGOU de 1989 é improvisar. Aquel era un bo plan, pero está caduco e necesitamos un novo.

-¿Por qué Pontevedra non é capaz de aprobar un novo plan? ¿Por qué Pontevedra parece un sitio distinto, xa que outras cidades e vilas son quen de actualizar o seu planeamento?

-O PSOE está a tomar todas as iniciativas para sacar o PXOM do caixón, e de maneira inexplicable quen ten a responsabilidade de goberno nesta materia [o BNG] non está a responder.

-¿É culpa entón do seu socio de goberno?

-O plan é unha vítima dos cálculos electorais do BNG e do PP. Dos dous. O BNG non quere dar pasos porque teme que certas determinacións do PXOM lle reste votos; e o PP ten demostrado que aquel cheque en branco que nos daba en realidade é un cheque sen fondos. Era unha proposta oportunista, política pero non era real. Nin uns nin outros teñen vontade de sacar adiante un plan que, non o olvidemos, ou é dos tres ou non é. Deixémonos de debates falsos, que son os que quere plantexar o BNG. ¿Alguén pode xustificar una edificabilidade de 30.000 vivendas en quince anos? Iso son dúas mil ao ano, e na época do bum Pontevedra apenas superaba as mil.

-¿Pode afectar ao pacto de goberno a polémica sobre o futuro PXOM?

-O PSOE é leal e responsable. Nós asinamos un pacto ao inicio do mandato para dar estabilidade ao goberno, e ímolo cumprir. Non queda outra. Non podemos entregar a cidade ao PP.

-Pero si o BNG segue a manter o PXOM no caixón...

-Nese caso, se o BNG non colabora estará sendo desleal. Se non o queren facer, que non dificulten que o fagamos outros.